The Rapants saca o Rapants Club de Galicia cunha xira por seis salas

A banda muradá anuncia as seis primeiras datas da súa xira de salas, coa que visitarán Zaragoza, Bilbao, Xixón, Granada, Málaga e Sevilla.

The Rapants, a banda do momento na escena galega, anuncia as seis primeiras datas da xira de salas coa que levará o seu cuarto LP por toda España en 2027. O percorrido arrancará o 8 de xaneiro na sala La López de Zaragoza, dentro do ciclo Inverfest, e pasará por Bilbao, Xixón, Granada e Málaga antes de pechar este primeiro tramo o 6 de febreiro no Fun Club de Sevilla.

Rapants Club viu a luz en marzo de 2026 e estreouse ao vivo diante de 6.000 persoas no Multiusos Fontes do Sar de Santiago de Compostela. Desde aquela, o cuarteto percorreu os principais festivais e festas de Galicia e levou o seu directo «sen descanso» a citas como Sound Isidro (Madrid), Sonorama (Aranda de Duero) ou Arrecife en Vivo (Lanzarote).

Un ano redondo que a industria musical galega vén de recoñecer. O pasado 3 de novembro, na Sala Capitol de Santiago, os Premios Palco elixiron a The Rapants como Artista do Ano 2026. A banda e o seu equipo levaron ademais outros tres galardóns: Mellor Videoclip, por Non Sei Como (Juan Barbazán, Sergio Goce e Manuel Seoane), Mellor Implementación de Son, para Ricardo Barroso, e Mellor Mánager, para Álvaro Creo (Off Stage). Estes premios súmanse ao Premio MIN ao Mellor Álbum en Galego que acadou en 2025 La máquina del buen rollo.

Co seu anterior disco, The Rapants xa pisou escenarios de Bilbao, Xixón, Zaragoza e Málaga. Agora volve a esas cidades cun novo repertorio e repite cos ciclos que o acolleron na anterior xira: Inverfest en Zaragoza e Negufest en Bilbao. Granada e Sevilla, pola súa banda, vivirán por primeira vez unha festa rapante.

Nas salas soarán os doce temas de Rapants Club, un álbum producido por Anxo Ferreira, Raúl Pérez e Miguel León no que a banda abraza a música disco, a electrónica e os ritmos latinos sen perder as guitarras frenéticas e os retrousos pegadizos que a definen. O disco conta coas voces de Joe Crepúsculo, Antía Ameixeiras (Caamaño&Ameixeiras) e Sara Faro (Fillas de Cassandra), e inclúe himnos xa coñecidos polo público como Viaxei, Non Sei Como ou Sin Medo. Por suposto, non faltarán os grandes éxitos da traxectoria do grupo

Rapants Club · Xira de salas 2027

  • Venres 8 de xaneiro: Zaragoza · La López (Inverfest)
  • Venres 15 de xaneiro: Bilbao · Kafe Antzokia (Negufest)
  • Sábado 16 de xaneiro: Xixón · Teatro Albéniz
  • Xoves 4 de febreiro: Granada · Taberna J&J
  • Venres 5 de febreiro: Málaga · Sala Marte
  • Sábado 6 de febreiro: Sevilla · Fun Club
Comparte éste artículo
No hay comentarios