O Racing perdeu unha inmellorable oportunidade para volver ao camiño da vitoria ao empatar sen goles en Lezama ante un equipo con baixas ocupadas por varios basconistaas. O partido púxose de cara para os galegos coa expulsión do local Beñat García. Con máis de 80 minutos por diante, o Racing foi quen de xerar ocasións, pero demostrouse unha vez máis que hai unha descompensación na elaboración do plantel porque nin Eto’o, nin Alcaina, que xa deixara probas evidentes das súas carencias nos seus anos no Deportivo, son quen de sumar ao xogo do equipo. César xogou os primeiros minutos da temporada debido á lesión de Lucas.
Racing plano xogando cun máis
O Racing moveuse en Lezama moi condicionado pola presión adiantada do Athletic B. O importante era recuperar o máis adiante posible, polo que o Racing utilizou a mesma fórmula. Nese contexto, dous equipos intensos defensivamente, igualábanse sobre o céspede. Beñat, que ollara un primeiro cartón aos cinco minutos por unha involuntaria pisada a Fabio, ollou o segundo no dez por unha dura entrada sobre Eto’o.
A piques de chegar ao cuarto de hora, Bujlan atacou desde a banda, buscou un pase para Álvaro Ramón, que interceptou Ojeda para disparar contra a parte externa do poste de meta local.
Logo que Eto’o non deu conectado con varios centros laterais, o Athletic B deu un paso á fronte. Adri Pérez comezou a tirar os biscaíños e el mesmo estivo a piques de sorprender a Lucas cun inesperado xute afastado. O partido andaba polo cuarto de xogo.
O Racing recuperou de inmediato a súa presenza ofensiva cun xute de Ojeda que desviou a defensa a córner. Despois habería outro de Álvaro Ramón sen consecuencias. Eto’o volveu mostrar as limitacións ao facer falta sobre o seu marcador para non chegar ao enésimo centro sobre a área vasca.
Ojeda, desafortunado na sorte do gol, estivo oportuno para entrar na traxectoria dun centro de Adri Pérez e evitar que tres atacantes locais puideran rematar.
No minuto 38, logo de chocar contra dous xogadores e chapar o coiro no chan, Lucas ficou lesionado e debeu ser substituído por César na porta racinguista.
Malia que o prolongamento foi de dominio athlético, Germán tivo a mellor ocasión para marcar nun remate que salvou Santos.
Arroyo esperta a un Racing que non ve porta
O Racing respondeu ás primeiras chegadas locais tras o descanso facéndose co coiro e progresando pola banda de Buján. Despois, Eto’o volveu a non chegar a un centro de Leal. Co partido aberto, Monreal e Eto’o remataron lixeiramente desviado en cada área.
Antes da hora de xogo, Vázquez retirou aos tres xogadores con cartón. Un dos novos, Arroyo, deulle outra personalidade ao partido na medida que foi entrando en ritmo de xogo.
Mágoa que non fora secundado na finalización por Alcaina, que ao pouco de entrar, nunha volea polo centro, viu como Santos lle negaba o gol desviando por riba do traveseiro.
Llopis tamén fixo unha tripla substitución para ter un grupo fresco no derradeiro cuarto de encontro. Mesmo así, non puido evitar unha xogada de Arroyo, cuxo centro correu por diante da portería local sen atopar un amigo que o empurrara a gol.
Co partido morrendo, Fabio puido desnivelar o 0-0 cun xute que lambeu o pau. O corolario ficou para que dous dos dianteiros que máis ocasións estragan no grupo aumentaran a estatística negativa. Santos realizou unha gran parada ante o remate de Alcaina e Eto’o, a quen tanto lle custa acabar entre os paus, optou por axustar e mandouna fóra cun defensa presionándoo ás súas costas.
Final sen goles nun partido no que o Racing xoga mellor que nas dúas pasadas temporadas, pero que mostrou o erro da dirección deportiva na elección dos dianteiros. Eto’o e Alcaina mostraron outra vez non estaren á altura dun equipo que quere subir a Segunda División.
Ficha
SÁBADO 14/11/2026 (13,00) Campo: LEZAMA-2 (Lezama) (1.000)
ATHLETIC C. B : 0 – RACING C. FERROL : 0 (0‑0)
ATH : Santos; Zarandona (Pablo Martínez 73’), Izagirre, Monreal, Dani Pérez; Selton (Conde 70’), Huesta (Ellakuria 70’), Adri Pérez, Beñat, Javi Sola; Vizcay (Peciña 70’). Tre- Bittor Llopis. (Banco: Simón García (g); Aitor León; Lete; Egoitz; Torrico).
RAC : Lucas (César 37’); Leal, Monjonell (David Castro 56’), Germán, Álvaro Ramón; Buján (Arroyo 56’), Bernal (Esquerdo 56’), Ropero (Alcaina 63’), Fabio, Ojeda; Eto’o. Tre. Javi Vázquez. (Banco: Saúl; Sekou; Álvaro Juan; Azael).
Goles:
Árbitro: Alfredo Ramo Andrés (Aragón). Auxiliares: González Eguren Álvarez e Serrano Rodríguez. 4º árb.: Martínez Longares.
Disciplina: CA: Monjonell 33’; Bernal 45’; Fabio 46’; Buján 54’; Santos 81’; David Castro 84’; Izagirre 88’ / Carlos Renau (2º tre. ATH) 76’ // DA: Beñat 5’ e 10’ / Gonzalo Alzueta (tre. aux. ATH) 89’.