O Orzán saca partido á estratexia no Val (0-1)

Carla Miranda, unha cedeiresa de orixes lusos, deu a vitoria ao Orzán ao marcar o seu primeiro gol da temporada na súa bisbarra, Ferrolterra. Aproveitou un córner fechado que rematou no medio dun mar de xogadoras que invadían o centro da área pequena defendida por Lidia. O partido entre O Val e Orzán alternou o dominio dunhas e doutras e definiuse nese detalle a piques de cumprirse a hora de xogo. As locais tiveron as súas opcións, pero perdoaron varios mans a mans ante Xiana nos primeiros compases. O Orzán tamén tivo as súas nun choque de moito traballo colectivo.

Dos perdóns de Antía Delgado e Nata ás habelencias de Daniela e Laura Tubío

O partido era para guerreiras. A mañá tiña cor cincento e o sintético do Sinde B estaba demasiado mollado para que a pelota circulara rápida, Os equipos non se deron tempo para asentarse. Ao minuto, Xiana saltou para cubrir un tiro alto de Nata e no tres, un libre directo de Antía Delgado lambeu o traveseiro. O Orzán tamén puido anotar axiña nun disparo de Daniela contra o lateral externo da rede.
Pasado o cuarto de hora, Laura Tubío, gañando case sempre as accións a Ari, mandou un centro xute que bateu no pau. O rebote correu á posición de Daniela, que tirou fóra. O traballo da dianteira foi inesgotable, caendo tantas veces á banda esquerda como ao chan, logo da dura marcaxe de Sara, que actuou con moita seguridade como central, mostrando a súa progresiva evolución e polivalencia.
Antía Delgado tivo a primeira ocasión clara logo dunha pugna aérea que Claudia gañou a Aitana. No man a man ante Xiana errou ao non precisar o golpeo.
As ocasións claras remataron ao cuarto de xogo, noutro man a man de Nata que a media tamén estragou ao mandar o disparo desviado.

Carla Miranda asina o detalle

O segundo tempo comezou con outro xute afastado de Nata que desta vez tivo que chapar Xiana. Tamén o Orzán probou a Lidia desde a distancia. A meta valexa salvou un potente libre directo sacado por Patricia.
O partido seguía coa mesma dinámica, mantendo a intensidade na mesma proporción na que a auga caía con forza e xenerosidade sobre Sinde, facendo que o xogo só tivera sentido por alto. Marina, outra traballadora incansable, asumiu a construción dos ataques locais e Antía Delgado estivo a piques de anotar un gol olímpico salvado polas luvas de Xiana.
No minuto 58, nun segundo saque de esquina case consecutivo, o Orzán fechouno desde a dereita de Lidia, a defensa local non estivo activa e a cedeiresa Carla Miranda puido rematar cruzado ao fondo da portería.
O Val tomou definitivamente a iniciativa sen que o Orzán rexeitara a posibilidade de acabar coa incerteza do resultado. Daniela tentouno cun xute alto no minuto 73.
Malia o dominio, o cadro dirixido por Marcos Casal non puido acumular ocasións claras para empatar. O derradeira partiu doutro córner lanzado por Antía Delgado que afastou Xiana.
O Orzán suma os tres puntos nun escenario que case sempre lle proporciona triunfos e O Val volveu mostrar ter un grupo moito mellor que o da pasada campaña, con máis solucións, mellores toques e máis xogadoras participando.

Ficha

DOMINGO 15/11/2026 (12,00) Campo: SINDE B (50)
S.D. O VAL DE NARÓN : 0 ‑ ORZÁN S.D. : 1 (0‑0)

VAL : Lidia; Samai, Sara, Nati (Andrea 65’), Ari; Noa (Platas 59’), Claudia, Marina, Nata, Iria Pita (Otero 80’); Antía Delgado. Tre. Marcos Casal. (Banco: Iria Fontáns (g); Clara).
ORZ : Xiana; Irene (Azu 57’), Aitana, Patricia, Ángela; Laura Tubío, Carla Miranda, Daniela Barbazán (Amnah 57’), Carmen, Sonia Barbeito (Martina 66’); Daniela. Tre. Jorge Guillamett.
Goles: 0-1 Carla Miranda 58’,
Árbitro: Pena Landeira (Galiza-Ferrol). Auxiliares: Boumehdi e Habti Bounouar.
Disciplina: Non houbo.

Foto: Laura Tubío buscando un espazo no centro ante a valexa Nata. © 21noticias.com

Comparte éste artículo
No hay comentarios