Gómez Besteiro: «A vivenda non pode ser un luxo; hai que poñer os pisos baleiros en alugueiro e gravar os dos grandes propietarios»

O secretario xeral do PSdeG e portavoz parlamentario, José Ramón Gómez Besteiro, defendeu hoxe no Parlamento que a resposta á crise habitacional pasa por poñer en alugueiro os pisos baleiros a través dun Banco Público de Alugueiro e por crear un imposto galego que grave as vivendas desocupadas dos grandes propietarios e fondos voitre. Fíxoo durante o debate de totalidade dos orzamentos da Xunta para 2027, reclamando a devolución dunhas contas que, malia alcanzar os 15.158 millóns de euros —a cifra máis alta da historia—, deixarán a «Galicia batendo récords de persoas que agardan por unha vivenda, por unha cita médica ou por unha axuda á dependencia».

Fronte a eses números, o líder socialista puxo sobre a mesa unha alternativa dotada con 1.236 millóns de euros adicionais. «Vostedes baten récords de orzamento, pero a xente bate récords de espera», díxolle directamente ao conselleiro de Facenda, Miguel Corgos.

Unha política de vivenda cuestionada: de cen pisos entregados ás promesas estatais

Catro anos despois de que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, declarase a vivenda como prioridade, «o único certo é que apenas entregaron cen pisos» mentres o rexistro de demandantes disparouse de 22.700 persoas en 2025 a 37.600 na actualidade, sinalou Besteiro. O socialista lembrou que da promesa inicial de 10.000 vivendas públicas en seis anos aínda quedan 9.900 por entregar.

A crítica tamén tivo un ton irónico cara á política estatal do PP: «Tras construír cero vivendas públicas en Galicia, agora promete un millón en catro anos. 685 ao día, 29 cada hora, día e noite, sen parar».

Fronte a un executivo galego que o aposta case todo á construción e á compravenda cando o 85% dos demandantes demanda alugueiro, o PSdeG propón:

  • 200 millóns adicionais para rehabilitar barrios e mobilizar vivendas baleiras a través dun Banco Público de Alugueiro (con garantías de cobro para propietarios e prezos limitados ao 30% dos ingresos familiares).
  • Un imposto galego ás vivendas baleiras de grandes propietarios.
  • Deducións fiscais ás familias vulnerables, a recuperación do Bono Alugueiro para a mocidade e a aplicación estricta da Lei de Vivenda en zonas tensionadas. «Vostedes pensan en como vender máis vivendas; nós, en como conseguir que máis xente poida vivir nelas», resumiu.

Críticas ao retiro no mosteiro e á xestión económica

Besteiro botou en falta o presidente autonómico nun debate sobre os cartos públicos e contrastou esa ausencia co recente retiro do Goberno galego no mosteiro de San Clodio, «rehabilitado con cartos públicos e explotado por unha empresa privada». «A clase traballadora que foi á folga o 11 de novembro ten que apertar o cinto; o Goberno, polo visto, necesita un balneario para relaxarse», ironizou.

O portavoz socialista tamén achacou o incremento do orzamento autonómico ao crecemento económico xeral e ás achegas do Estado a través do financiamento, censurando que a Xunta rexeite negociar un novo modelo que achegaría 1.000 millóns máis e a condonación de 4.010 millóns de débeda.

Sanidade, servizos sociais e fiscalidad: «Dous cafés, señor Corgos»

No ámbito sanitario, Besteiro denunciou que o primeiro semestre de 2026 pechou con 230.614 persoas agardando por unha primeira consulta hospitalaria (un 19% máis) e 1.118 pacientes con máis dun ano de demora ante o especialista. Para contrarrestarlo, propuxo 133,5 millóns destinados a reforzar profesionais, un plan de choque contra as listas de espera e garantir por lei citas en Atención Primaria nun máximo de 48 horas.

O líder do PSdeG criticou ademais unha baixada do IRPF que supón un aforro de apenas 150 euros para un membro do Goberno fronte aos 3 ou 5 euros mensuais para quen cobra o salario mínimo: «Dous cafés, señor Corgos. Esa é a súa escala de prioridades».

As emparcellacións alternativas do PSdeG tamén inclúen:

  • 185 millóns máis para política social (100 millóns para o Servizo de Axuda no Fogar e 30 para recuperar a Tarxeta Básica).
  • 36 millóns para educación e o cumprimento do acordo sobre a lingua galega.
  • 289 millóns para os concellos, dos cales 200 irían destinados a un Plan Único con criterios obxectivos.
  • 215 millóns para o rural (prevención de incendios, seguridade hídrica e adaptación climática).
  • 30 millóns para eliminar as peaxes das autoestradas AG-55 e AG-57.

Besteiro concluíu cualificando os orzamentos como «un corta e pega da vagancia dun goberno que está a facer o traballo sucio de Feijóo», aconsellando a Rueda que cambie os mosteiros de luxo polos centros de saúde e as oficinas de vivenda nas súas próximas visitas institucionais.

Comparte éste artículo
No hay comentarios