O enganoso 85-73 final non fai xustiza ao partido do Santo en León.
A falta de 3 minutos, cun 75-69 no marcador logo dun partido tremendamente disputado, o Ineltrón Santo Domingo Betanzos acabou a gasolina e cedeu nos últimos compases do encontro. Porque ata entón, a sensación na pista é que calquera dos dous equipos podían levar a vitoria. Se o primeiro cuarto remataba cun 19-17 para os locais, ao descanso chegábase cunha vitoria parcial dos betanceiros por 38-39, o que auguraba que a igualdade ía ser a nota dominante dun encontro en que ambos os dous equipos abusaron do tiro exterior con renuncia expresa ao xogo baixo taboleiros (aínda así, os leoneses gañaron a partida no rebote): doce de corenta e nove para os locais e oito de trinta e dous para os visitantes. Ao final a escasa rotación do Santo (á ausencia de Rozas sumáronse as rápidas faltas de Mori) unido ao acerto en momentos clave para os de León, acabou por deixar no pavillón de San Esteban unha vitoria que o Santo, así e todo, tivo máis preto do que poida parecer. Enorme partido de Abelleira, a piques de sumar un triple-dobre (26 puntos, 10 rebotes e 8 asistencias), para un 36 de valoración, e bo partido dun Randolph que se volve atopar cos dous díxitos na anotación (21 puntos). Tamén sumaron Nico Lagares (11 puntos), especialmente inspirado nos primeiros compases do partido, e Arón Espiñeira (10 puntos), cun 2/5 en triplas.
Así valoraba o partido José Amando Pena “Soviético”, antes dun regreso a Betanzos que se demorou ata a madrugada do domingo: “Puidemos competir ata o último cuarto, pero o pouco acerto dende o tiro exterior e a falta de dominio no rebote sentenciou o partido. Como positivo, a entrada en rotación de Luis Portilla despois da súa lesión de xeonllo e o traballo de todos os xogadores durante o partido”.
A pesar da derrota, e grazas aos resultados dos rivais, o Santo ascende á 10a praza e sae dos postos de descenso. A vindeira semana visita Betanzos Novobasket, o equipo vigués acabado de ascender á categoría.