Antonio Ameijide recorda que cando Gómez Besteiro chegou á presidencia da Deputación, en 2007, unha das súas primeiras decisións foi cancelar este proxecto, que xa estaba contratado polo anterior goberno do PP.
Os deputados do Grupo Provincial Popular insisten na necesidade de realizar a obra do enlace ao polígono de Cervo, unha obra proxectada, licitada e contratada polo último goberno do PP na Deputación pero que “se cancelou coa chegada de Gómez Besteiro á Deputación no 2007 e que, a día de hoxe, segue sen ser unha realidade”.
Unha obra “necesaria” para este área industrial xa que “concentra unha importante actividade industrial e empresarial no municipio polo que é fundamental para o seu desenvolvemento económico, ademais de ser importante para toda a Mariña”.
Ata o lugar se achegaron os deputados Antonio Ameijide e Demetrio Salgueiro, xunto á alcaldesa de Cervo, Dolores García, onde comprobaron como a importancia de que o polígono contase con esta vía de acceso dende a N-642.
O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, recorda que no pleno de abril xa preguntamos pola situación na que se atopaba este acceso. “Todos sabíamos que Gómez Besteiro o cancelou, pero non foi menos sorprendente que o goberno provincial de PSOE e BNG se negase a dicir se os terreos para poder facelo xa se expropiaran ou non”, destacou.
Neste senso, Ameijide lamente “a opacidade” de PSOE e BNG xa que algo tan sinxelo como dicir se a Deputación de Lugo é titular duns terreos “non son capaces de facelo, ou, polo menos, néganse a dicir a verdade”.
Para Antonio Ameijide este é o exemplo perfecto do nulo apoio á industria e ao emprendemento da provincia: “En 20 anos de goberno da Deputación todo o que fixeron PSOE e BNG foi conxelar proxectos industriais, paralizar polígonos ou suspender obras; son o lastre do emprendemento e das oportunidades da provincia”.
O voceiro popular lamenta que Carmela López, tanto coma presidenta da Deputación pero tamén coma alcaldesa de Burela, “debería ter un gran interese en que se realizase esta obra xa que favorecería o desenvolvemento industrial da provincia pero, sobre todo, da Mariña”.
A Deputación de Lugo desenvolveu obras para dotar a este parque empresarial dun acceso directo dende a N-642, pero “no 2008 o goberno provincial de PSOE e BNG resolve o contrato sen rematar a execución das obras, quedando a medias e privando ao polígono dun acceso máis práctico e directo durante anos”.