A Xunta Electoral de Zona de Lugo volve dar a razón ao Partido Socialista e ditar un novo revés ao executivo municipal. O organismo electoral determinou que o Goberno liderado por Elena Candia vulnerou a normativa electoral ao utilizar a páxina web institucional do Concello para difundir unha mensaxe de propaganda política e atribuírse como logros propios diversas actuacións urbanísticas.
A resolución, adoptada o pasado 12 de novembro e notificada mediante certificación asinada o día 13, declara expresamente que a nota publicada o 23 de outubro —referente á urbanización dunha marxe da rúa Virxe da Soidade, no barrio das Gándaras— contiña referencias totalmente prohibidas pola Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral (LOREG).
Vulneración do artigo 50.2 da LOREG e apertura de expediente
A decisión da Xunta Electoral non deixa marxe á dúbida: o contido da publicación incluía unha clara «venda de logros» vedada durante os períodos electorais, infringindo de pleno o artículo 50.2 da LOREG, que prohibe expresamente aos poderes públicos realizar comunicacións institucionais con alusións ás realizacións ou éxitos acadados.
Por este motivo, o fallo ordena:
- Retirar de inmediato os parágrafos de carácter propagandístico da web municipal.
- Requirir ao Concello que se absteña de realizar novas alusións aos logros da súa xestión en actos e espazos institucionais ata que conclúan os comicios.
- Incoar un novo expediente sancionador contra a alcaldesa, Elena Candia, por unha posible infracción da normativa electoral (en aplicación do artigo 153.1 da LOREG).
O contido censurado: propaganda partidista cos cartos públicos
O informe da Xunta Electoral pon o foco nas excesivas licenzas argumentais que recollía o comunicado municipal orixinal. A nota institucional non se limitaba a informar estritamente da licitación das obras, senón que:
- Atribuía a actuación a unha esixencia exclusiva do Partido Popular e sinalaba que a formación a levaba demandando anos.
- Acusaba directamente o anterior Goberno municipal de rexeitar partidas orzamentarias para executala.
- Presentaba a intervención como mostra do autodenominado “Lugo dos feitos” e da capacidade do actual Executivo para desbloquear proxectos.
Ante isto, a resolución diferencia con claridade entre o dereito á información pública obxectiva e a propaganda partidista. Permite manter os datos útiles para a veciñanza —como a licitación, o obxectivo da obra, o orzamento de 152.554,59 euros e os prazos—, pero obriga a eliminar tódlas referencias laudatorias ao PP e os méritos que pretendía arrogarse a alcaldesa.
O PSOE denuncia unha «utilización sistemática» da institución
Desde a Agrupación Socialista de Lugo subliñan que esta resolución confirma o que levan denunciando dende o inicio do período electoral: Elena Candia utiliza o Concello como un escaparate partidista. «Non é un erro puntual nin unha interpretación interesada do PSOE. É unha forma de actuar reiterada», apuntan, lembrando que a propia resolución fai referencia a un acordo anterior que xa foi respaldado pola Xunta Electoral Provincial tras un recurso da alcaldesa.
“O portal web municipal non é un escaparate para que Candia faga campaña cos cartos de todos e todas as lucenses. Os recursos públicos pertencen á cidadanía e deben estar ao servizo da información, non da propaganda”, denuncian os socialistas, esixindo a retirada fulminante dos contidos e o cesamento inmediato destas prácticas que cualifican de desviación democrática.