A Deputación da Coruña convoca 3,7 millóns de euros en axudas para as entidades sociais da provincia

As cinco liñas de axudas para 2027 financian o mantemento de centros, programas e servizos, os investimentos en servizos sociais e a adquisición de vehículos.

A Deputación da Coruña destina 3,7 millóns de euros a cinco liñas de subvencións para apoiar o traballo que desenvolven as entidades sen fins de lucro da provincia que desenvolvan a súa actividade no ámbito social. Estas axudas para 2027 poden solicitarse a través da plataforma de tramitación telemática da Deputación, SUBTEL, desde este venres, 20 de novembro, ata o 18 de decembro.

A deputada de Política Social, Mar García Vidal, destacou a diversidade dos servizos que as entidades ofrecen co apoio destas axudas da Deputación da Coruña. Entre eles figuran as terapias de rehabilitación, atención psicosocial, prevención de condutas aditivas, transporte adaptado e programas de integración laboral. O apoio provincial chega tamén a iniciativas de respiro familiar e de coidado de persoas maiores ou con discapacidade que contribúen a mellorar a calidade de vida de miles de persoas e das súas familias.

Cinco liñas de apoio ás entidades sociais

A Deputación reserva 1,8 millóns de euros para dar continuidade á atención que prestan as entidades no ámbito dos servizos sociais. Deste importe, 900.000 euros destínanse ao mantemento de centros de servizos sociais (FOAXEC) e outros 900.000 euros, ao financiamento de programas e servizos (FOAXEP). A estas dúas liñas súmase unha convocatoria específica, dotada con 500.000 euros, para o mantemento de programas sociosanitarios (FOCVAA).

A liña de maior contía destina un millón de euros a investimentos das entidades sociais (FOIE). A quinta convocatoria conta con 400.000 euros para a adquisición de vehículos que permitan mellorar os servizo sociais e sociosanitarios que prestan as entidades na provincia (FOIEV), facilitando o transporte de usuarios a centros de día, residencias ou actividades.

Comparte éste artículo
No hay comentarios