En relación coa concentración convocada pola CIG para este venres ante a Casa Consistorial e coas informacións publicadas en diferentes medios de comunicación e redes sociais sobre unha situación de presunto acoso sexual a unha traballadora do Concello das Neves por parte doutro empregado municipal, quero trasladar a través deste escrito algunhas consideracións.
En primeiro lugar e ante todo, desexo expresar o meu total respecto e consideración cara á traballadora afectada. Atopámonos nunha situación especialmente delicada, que require sensibilidade, tacto e, sobre todo, respecto pola intimidade das persoas. Son moi consciente de que circunstancias destas características non afectan unicamente aos traballadores implicados, senón que tamén poden xerar preocupación, inquietud e conmoción no conxunto do persoal municipal. Por iso considero fundamental actuar coa máxima prudencia, evitando xuízos anticipados e respectando sempre os dereitos e a dignidade das persoas implicadas, incluíndo tamén a persoa traballadora á que se lle atribúen os feitos denunciados. O respecto á traballadora que denunciou tal situación de desamparo e a garantía dos dereitos que asisten á persoa denunciada non son cuestións incompatibles, senón máis ben o contrario: son eixes que deben guiar a actuación dunha institución pública responsable.
Nese sentido, cómpre deixar claro que, dende os primeiros momentos nos que a traballadora afectada puxo en coñecemento do Concello a situación que estaba padecendo, dende esta Administración actuouse sen a máis mínima dilación. Así, procedeuse á constitución dunha Comisión de Seguimento integrada por persoal municipal para, con todas as garantías procedimentais posibles, analizar a situación e abordar os feitos. Tal órgano colexiado ditaminou finalmente a necesaria apertura dun expediente disciplinario á vista dos feitos considerados acreditados. No entanto, ante a apertura de dilixencias na vía penal, suspendeuse a tramitación do expediente por parte desta Administración, en cumprimento das instrucións recibidas por persoal técnico externo con experiencia na materia ao que se lle pediu no seu momento colaboración.
En canto á resolución da Inspección de Traballo, emitida unha vez xudicializados os feitos e sen terse emitido fallo algún nas presentes datas, como non pode ser doutra maneira, este Concello respecta a actuación e conclusións da autoridade laboral, asumindo o compromiso de corrixir todos aqueles incumprimentos sinalados. É incuestionable que o Concello das Neves debe camiñar na mellora daqueles aspectos que sempre son susceptibles de perfeccionamento e artellar mecanismos que permitan afrontar adecuadamente no futuro circunstancias desta natureza.
Por iso, este goberno aprobou no seu momento o Plan de Igualdade esixido pola lei e vén de aprobar hai uns meses o Protocolo antiacoso, unha ferramenta necesaria coa que o Concello das Neves non se dotou en ningún dos mandatos anteriores e que permitirá afrontar con máis garantías no futuro situacións como a que nestes momentos nos afecta a todos, políticos e traballadores, coa confianza de que non se repitan de novo.
Como Alcalde do Concello das Neves non eludo o meu compromiso e obriga de mellorar os mecanismos de prevención e protección do persoal municipal, mais, á vista dos acontecementos que motivan a concentración do venres, tampouco considero xusto trasladar á veciñanza a imaxe de que o Concello permaneceu impasible cando tivo coñecemento duns feitos que, de seren probados, non poden ser menos que cualificados como reprochables e repudiables.
A miña prioridade como Alcalde é que máis cedo ca tarde se esclarexan na vía penal os feitos acontecidos neste Concello, fornecendo a esta Administración de todos os instrumentos e procedementos precisos para que unha situación como a que hoxe padecemos neste Concello non volva a producirse no futuro.