O chapapote do monte río abaixo estraga todo.

Forestal e Amigo das Árbores

Montes e serras enteiras queimadas e espidas de vexetación; o bulleiro baixa polas corgas estragando todo tipo de ecosistemas. Primeiro, o desleixo institucional permitiu que ardera unha boa parte dos mellores ecosistemas de montaña do país. Segundo, onde está a súa ética da conservación e do coidado? Tendo diñeiro dispoñible e sabendo que podía pasar, por que non restauraron os montes incendiados en tempo e forma?

E teiman en dicir que son moi bos xestores… A desfeita que está sufrindo o noso patrimonio natural, as aldeas, as instalacións e as infraestruturas era unha crónica anunciada; é consecuencia dos incendios producidos no 2025. Centos de incendios, milleiros de hectáreas arrasadas no último medio século, incendios recorrentes roendo o cerne do país. Lumes forestais intencionados, producidos por accidentes ou por neglixencias; non chega ao 1% os debidos a causas naturais. Non fixeron nada para evitar os danos que están acontecendo estes días nos montes, nos ecosistemas e nas poboacións, e mira que estaban avisados.

Avisamos os forestais, os naturalistas, o mundo científico… mais como van facer caso se eles son os bos xestores? Como se van deixar aconsellar? Cando se lles insiste, como lle dixemos e insistimos, incluso se atreven a dicir que este goberno foi votado polo pobo, que ten maioría absoluta e que as cousas fanse así e punto.

Fai moitos anos que un pensador e filósofo dixo que «a transparencia e a sinceridade deben ser a resposta ás eivas, e a opción sempre é ser honestos». O ano pasado, despois de máis de 150.000 hectáreas calcinadas (209.281 segundo o sistema europeo EFFIS Copernicus), o presidente da Xunta de Galicia afirmou que o que ardera foron «penedos e mato». Diante da inmensa catástrofe medioambiental, practican a «cegueira branca, o engano e a mentira». O Sr. Rueda está convidado a facer unha visita a algún dos montes calcinados e arrasados para que nos diga se segue pensando o mesmo, para que comprobe que non se fixo nada nos hábitats afectados, para que se sensibilice e axude a evitar que estes territorios sigan polo camiño da extinción.

Preguntámonos por que non cumpren co lexislado e aconsellado, por que non fan caso ao que dicimos os forestais, os naturalistas e o mundo científico. Xa que non teñen en consideración o que lles din, polo menos apliquen as normas, cumpran co que vostedes mesmos teñen lexislado. Poden estar seguros de que, se tivesen en consideración o recollido na Lei 3/2012 de montes de Galicia e na Lei 3/2007 de prevención e defensa contra incendios forestais de Galicia, os danos producidos estes días polos arrastres de terra, pedras, vexetación morta e restos das árbores talladas polo pé minimizaranse e non se terían producido nas dimensións que o fixeron.

Lembrámoslles que na lexislación galega (artigos 64 e 65 da Lei de Montes) os traballos de mantemento e restauración dos terreos incendiados son prioritarios, poden e deben ser declarados de utilidade pública, e exixen elaborar un mapa de riscos e de protección hidrolóxica… Tamén teñen á súa disposición fondos de continxencia da Unión Europea para facer fronte a situacións como as producidas polos incendios en Galicia. Por que non cumpren coa súa propia lexislación? Por que non pediron axuda á Unión Europea?

O negacionismo, mesturado coa inacción e o desleixo das súas políticas ultraliberais practicando o «deixar facer, deixar pasar», trouxéronnos as desfeitas destes días nas comarcas afectadas. Como ben dicían moitos dos veciños e veciñas das zonas queimadas: «Fai moito tempo que fomos esquecidos, baleirados, calcinados e agora todo estragado». Territorios de sacrificio dos que xa ninguén se lembra. Bo, nestes días e ás portas das eleccións, a súa falla de principios éticos e morais non lles impide pedirlles o voto con falsas promesas que nunca van cumprir.

Diñeiro destinado a Galicia; uns datos para a reflexión: dos 8 millóns de euros que a Unión Europea destinou a Galicia no eido da restauración forestal dentro da Política Agraria Comunitaria (PAC) para o ano 2025, Galicia só executou 309.000 euros, un 3,86% do asignado. Outros datos da Comisión Europea reflicten que durante o período 2023-2027 ofrecéronselle a Galicia axudas para a xestión forestal sostible no marco da PAC por valor de 833 millóns de euros; nesta partida incluíbanse 76 millóns de euros para a prevención dos danos forestais. O Goberno da Xunta só executou 12 millóns de euros, un mísero 15,8% (datos recentemente publicados pola eurodeputada Ana Miranda). Lembramos, ao igual que fai a Comisión Europea, que as intervencións financiadas por partidas como o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) ou o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) para a xestión forestal —como a prevención de incendios e a restauración da terra calcinada— adminístranse nun réxime de xestión compartida.

Polo tanto, é o goberno da Xunta de Galicia o responsable de seleccionar as actuacións, de priorizar os orzamentos e de prestar axuda alí onde se precisa… Como é posible tanto desleixo na execución dos fondos europeos para xestionar o territorio? Como se seguen atrevendo a dicir que son bos xestores?

«Non estaban cando foi necesario, nin están agora cando os seguimos precisando», dito por un veciño valdeorrés de San Vicente de Leira. Territorios premeditadamente esquecidos e baleirados. Comarcas enteiras calcinadas nas que ardeu todo o que as sostiña. Agora a pregunta é: que pasará cos poucos que aínda quedamos? Como debuxamos o futuro destes territorios que se extinguen?

FOTOGRAFÍA ÁLVARO PURRE

Comparte éste artículo
No hay comentarios