O prazo de solicitude de praza remata o 14 de decembro.
O Concello anuncia que o luns abrirá a inscrición no servizo de apoio á conciliación da vida persoal, laboral e familiar que se prestarán a través do Programa Harmoniza: Conciliando na Laracha durante o Nadal. O prazo para solicitar a praza remata o 14 de decembro. Pode tramitarse presencialmente no Centro de Información ás Mulleres (CIM), emprazado no Edificio Administrativo da Laracha, ou en liña a través da Sede Electrónica.
O servizo vai dirixido a nenos e nenas de idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos. Estará en funcionamento durante o Nadal coincidindo coas vacacións nos centros de ensino, de luns a venres -agás festivos- entre as 7:00 e as 14:15 horas nas instalacións do CEIP Otero Pedrayo.
O número máximo de prazas dispoñibles foi incrementado ata as 150. En caso de ser preciso, os criterios de valoración para o acceso ao programa serán exclusivamente as necesidades de conciliación obxectivamente demostradas, considerando as circunstancias laborais da unidade familiar e outras situacións sociofamiliares e persoais que precisen dunha medida de apoio á conciliación.
Tanto a normativa como os impresos de inscrición están dispoñibles para a súa descarga na web municipal www.alaracha.gal.