CCOO de Galicia solidarízase coa traballadora da TVG vítima de violencia machista e esixe á dirección que garanta a súa seguridade

O sindicato gaba a valentía da xornalista da TVG pola denuncia pública do seu caso, que conta con dúas sentenzas firmes, e pon á súa disposición todo o seu apoio e asesoramento.

O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia e a súa sección sindical na Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG) mostraron o seu total apoio e solidariedade á traballadora que a semana pasada decidiu denunciar publicamente a situación de violencia machista que sufriu por parte da súa exparella, quen tamén é empregado do ente público.

Nese sentido, Comisións Obreiras reclámalle á dirección da corporación que adopte de inmediato as medidas precisas para garantir que a xornalista —que conta xa con dúas sentenzas firmes ao seu favor— poida desenvolver o seu labor profesional nun ambiente de absoluta seguridade física e psicolóxica.

Un testemuño valente para desmontar estereotipos

CCOO salienta a enorme valentía amosada pola profesional ao conceder unha entrevista en profundidade a La Voz de Galicia, na que relata a situación de maltrato vivida e detalla que aínda mantén varios procedementos xudiciais abertos a maiores das resolucións firmes xa ditadas. O sindicato condena con total contundencia uns feitos que xa foron avalados en sede xudicial e lembra que a violencia machista constitúe a manifestación máis salvaxe e estrutural da discriminación contra as mulleres.

Para a central sindical, o paso adiante dado por esta traballadora posúe un gran valor polo seu impacto social ao tratarse dunha figura pública recoñecida como presentadora en diversos programas da Televisión de Galicia (TVG). O relato da súa vivencia resulta fundamental para visibilizar esta lacra e desmontar estereotipos arredor da violencia de xénero.

Protección efectiva no centro de traballo

A sección sindical de CCOO, adscrita á Federación de Servizos á Cidadanía, recalca a súa total disposición para ofrecerlle á afectada todo o asesoramento e respaldo sindical que precise.

Dado que o agresor tamén forma parte do cadro de persoal da propia CSAG e que unha das sentenzas firmes foi ditada precisamente por quebrantar unha orde de afastamento, o sindicato urxe á dirección do ente a poñer todos os medios necesarios para protexer a contorna laboral da profesional. CCOO conclúe subliñando que un medio de comunicación público como a CSAG ten a obriga de asumir un compromiso exemplar na prevención e erradicación dun dos máis graves atentados contra os dereitos humanos.

Comparte éste artículo
No hay comentarios