Conde avanzou “un plan de choque” con “investimentos no próximo ano e medio para que, a futuro, provincias como Lugo -excluída da planificación eléctrica que pretende aprobar o Goberno de Sánchez- non perdan proxectos industriais e, polo tanto, non perdan emprego”.
O PP lucense presentou a empresarios e autónomos as medidas “dende o punto de vista económico, industrial e dirixidas aos autónomos e PEMES” que recolle o programa do Partido Popular para que “en España mereza a pena traballar, emprender e arriscar” durante un almorzo informativo no que participaron candidatos ao Congreso e ao Senado xunto á presidenta provincial, Elena Candia.
O cabeza de lista ao Congreso, Francisco Conde, amosouse “satisfeito” pola “resposta e a acollida das nosas propostas” moi vinculadas co recoñecemento da actividade que realizan a diario e coa idea moi clara de facilitarlles esa actividade “con máis competitividade, menos custos e menos presión fiscal”. Así mesmo, abordaron tamén medidas ante o absentismo laboral ou a falta de formación.
O proxecto do Partido Popular recolle medidas “na liña do que o propio sector está pedindo”: reducir burocracia, reducir impostos, impulsar a protección social que o autónomo merece e que hoxe non ten, fomentar a natalidade, a creación de emprego a través de bonificacións fiscais e na Seguridade Social.
Algunhas das medidas do programa do PP para os autónomos son:
- Exención do IVE para autónomos que facturen menos de 85.000 euros anuais
- Cota 0 á Seguridade Social durante un ano para os novos autónomos
- Regras claras para deducir gastos, tamén en vivenda e vehículos
- Baixar de 4 a 2 declaracións anuais nos impostos suxeitos a obriga
- Bonificación cota autónomo dende o primeiro día de baixa por enfermidade grave
- Bonificación do 100% das cotizacións empresariais polo primeiro traballador durante un ano e o 50% polo segundo
- Ampliación dos supostos con dereito a prestación por cese de actividade
- Ampliación da protección coa Ley de Segunda Oportunidade
Pero tamén para os traballadores e outros modelos empresariais:
- Protección aos traballadores con enfermidades severas e de longa duración con ata o 100% da base reguladora
- Atallar o absentismo inxustificado
- Formación en Intelixencia Artificial para mellorar empregos, sen esquecer a protección para que ninguén quede desamparado
- Favorecer o crecemento e competitividade de cooperativas, centros especiais de emprego e entidades do ámbito da economía social
- Garantir un marco normativo estable con seguridade xurídica para os distintos modelos empresariais
“O que está pedindo o tecido empresarial é que se lles deixe traballar, que poidan encontrar traballadores e que non teñan unhas cargas burocráticas e fiscais asfixiantes”, segundo explicou Jaime De Olano. O candidato popular cre que “é necesario impulsar a actividade económica na provincia” porque “sen actividade económica non hai riqueza e a xente acabará índose a outros sitios e iso é o que non queremos dende o Partido Popular”.
PLANIFICACIÓN ELÉCTRICA E DESENVOLVEMENTO INDUSTRIAL
Francisco Conde defende que “a provincia de Lugo non pode quedar discriminada da planificación eléctrica e do acceso a redes”. Parte da provincia “quedou excluída, de forma expresa, da planificación que pretende aprobar o Goberno de Sánchez”. E explicou que “se non hai infraestruturas que permitan a implantación de calquera proxecto industrial” polo que “hai unha perda de posibilidades de captar investimentos que está condenando o desenvolvemento industrial por non ter garantido o acceso a redes”.
O Partido Popular pretende implantar un “plan de choque” para “acometer os investimentos no próximo ano e medio para que provincias como Lugo non perdan proxectos industriais a futuro” e, polo tanto, se poda “garantir a actividade e o emprego industrial”, concluíu.