A UDC conta con 23 persoas investigadoras entre as máis influentes do ámbito científico, segundo a clasificación de Stanford

Esta listaxe ten dúas clasificacións, unha primeira que inclúe toda a traxectoria da persoa investigadora, e unha segunda referida ao último ano de resultados.

A Universidade de Stanford (Estados Unidos) vén de publicar o seu ránking a “World’s Top 2% Scientist List“, incluíndo nel a 23 persoas vinculadas á Universidade da Coruña. Esta listaxe identifica ao 2% dos científicos máis influentes do mundo en todas as áreas de coñecemento, unha clasificación que analiza persoal investigador de todo o mundo a través da base de datos Scopus, proporcionada pola editorial Elsevier, que ordena en campos e subcampos científicos.

Por parte da Universidade da Coruña, aparecen nesta última edición Rodrigo Lozano, investigador adscrito a ECOBAS; Franciso Blanco, Mª Generosa Crespo, Germán Bou e Ángel Fernández Flores, do INIBIC; Christian Kennes, María Isabel González Siso, Carlos Jiménez, Darío Prada Rodríguez, Carlos Platas Iglesias, Emilia Iglesias, Vanessa Valdiglesias, Blanca Laffon e María del Carmen Veiga, do CICA; Tiago M. Fernádez Caramés, Verónica Bolón Canedo, Paula Fraga Lamas, Amparo Alonso Betanzos, Pedro Cabalar e Carlos Gómez Rodríguez, do CITIC; Renée DePalma, da Facultade de Ciencias da Educación; José A. Orosa, da ETS de Náutica e Máquinas; e Héctor Gómez, do CITEEC.

Entre as disciplinas que contan con maior representación da UDC, destacan a Química, as Tecnoloxías da Información e as Comunicacións, a Medicina Clínica e a Investigación Biomédica, así como as Tecnoloxías Habilitadoras e Estratéxicas e tamén as Ciencias Sociais.

World’s Top 2% Scientists

A clasificación internacional “World’s Top 2% Scientists” é considerada unha das referencias máis prestixiosas a nivel mundial para identificar o impacto da actividade investigadora. Elaborada a partir dunha base de datos de acceso público de Elsevier e do traballo de investigación da Universidade de Stanford, esta clasificación avalía a produción e o impacto científico de máis de 200.000 persoas investigadoras de todo o mundo, procedentes de universidades, hospitais, centros e institutos de investigación. 

A análise baséase en información extraída de Scopus e emprega diferentes indicadores bibliométricos, como o número de citas recibidas, o índice h, o índice hm —que ten en conta a coautoría— e un indicador composto denominado c-score, que mide o impacto das publicacións científicas considerando tamén a posición de autoría e a colaboración con outro persoal investigador. A clasificación abrangue 20 grandes campos científicos e 174 subcampos, e ofrece datos tanto do impacto acumulado ao longo de toda a carreira investigadora como das citas recibidas nun ano concreto.Formar parte desta clasificación supón, polo tanto, un recoñecemento internacional ao impacto e á visibilidade da actividade científica desenvolvida, así como á súa contribución ao avance do coñecemento no ámbito correspondente. A inclusión na listaxe responde a dous criterios: situarse entre os 100.000 investigadores con maior puntuación no indicador composto c-score ou acadar un percentil igual ou superior ao 2 % dentro do propio subcampo científico. Esta novena versión de 2026 toma como referencia os perfís de Scopus a 1 de agosto de 2026 e incorpora as citas acumuladas ata finais de 2025, así como as recibidas durante ese ano natural.

Comparte éste artículo
No hay comentarios