O Talentiño entrega 518,30 euros para apoiar a loita contra o cancro e a investigación oncolóxica

A organización do certame musical O Talentiño fixo entrega esta mañá á Asociación Española Contra o Cancro (AECC) e a ASARGA (Asociación Sarcomas Grupo Asistencial) dos 518,30 euros recadados no festival benéfico O Talentiño Solidario. A gala, celebrada o pasado 8 de novembro cun cheo absoluto no Centro Cívico de Canido e presentada por Joaquín Enríquez e Rebeca Collado, combinou música e compromiso social.

A contía recadada distribuíuse a partes iguais, destinando 259,15 euros a cada unha das dúas entidades beneficiarias, que desenvolven un importante labor na loita contra o cancro, no impulso da investigación oncolóxica e no acompañamento integral ás persoas afectadas pola enfermidade e ás súas familias.

No acto simbólico de entrega participaron catro das novas voces vinculadas á historia do certame: Antía Barona, gañadora da categoría de Vocalistas na edición de 2026; Sofía Hernández, gañadora da mesma categoría en 2025; e Nuria Cornide e Sabela Castro, finalistas desta mesma modalidade. As catro artistas, que tamén actuaron no festival solidario, representaron o proxecto impulsado por Lucía Pérez, Joaquín Enríquez, Eva Faraldo e Xabier Vizcaíno. Por parte das asociacións asistiron Mayte Deus, presidenta de ASARGA, e Mabel Sanesteban, vicepresidenta da xunta local de Ferrol da AECC.

O agradecemento das entidades beneficiarias

Durante o acto, Mayte Deus agradeceu o compromiso de O Talentiño e de todas as persoas implicadas no festival, subliñando o valor que teñen este tipo de iniciativas para colectivos que traballan con patoloxías pouco frecuentes. «Somos unha asociación pequena que precisa destes recursos para seguir acompañando, informando e orientando as persoas afectadas, así como para contribuír á investigación dunha enfermidade rara como é o sarcoma», explicou a presidenta de ASARGA.

Pola súa banda, Mabel Sanesteban trasladou tamén o recoñecemento da xunta local de Ferrol da AECC, destacando a importancia das achegas cidadás para soster os servizos gratuítos de atención. «É un donativo fabuloso e moi importante para a investigación, para os nosos pacientes e para todas as actividades que organizamos desde a asociación. Sobre todo, permítenos seguir ofrecendo de maneira gratuíta os servizos destinados aos pacientes e familiares. Moitísimas grazas a O Talentiño», expresou Sanesteban.

«O talento que nos une, a solidariedade que nos move»

O Talentiño Solidario celebrouse o pasado 8 de novembro baixo o lema «O talento que nos une, a solidariedade que nos move», logrando reunir artistas de distintas edicións do concurso e público de toda a comarca. Os fondos obtivéronse grazas á participación das persoas asistentes nos sorteos e na venda de artigos solidarios organizados durante o evento.

Desde a organización do certame valoran moi positivamente o balance desta primeira edición solidaria —á que agardan dar continuidade—, destacando tanto a resposta do público como a implicación desinteresada de artistas, colaboradores e entidades. Máis alá do importe económico recadado, o festival serviu para visibilizar o traballo diario das asociacións oncolóxicas e demostrar a capacidade da música e da mocidade para mobilizar a sociedade arredor dunha causa común.

Pé de foto: Na imaxe, de esquerda a dereita: Sabela Castro, Mayte Deus, Antía Barona, Nuria Cornide, Mabel Sanesteban e Sofía Hernández.

Comparte éste artículo
No hay comentarios