Sete membros do Epia da Laracha participan no XIV Foro Infantil de UNICEF celebrado no Parlamento de Galicia

Representaron ao Concello nun encontro ao que asistiron outros 16 consellos locais de toda Galicia.

A Laracha estivo representada hoxe no XIV Foro de Participación Infantil e Adolescente de UNICEF celebrado no Parlamento de Galicia con motivo do Día Mundial da Infancia. Sete membros do Espazo de Participación Infantil e Adolescente (EPIA) ‘Os castrexes de Mentes Claras’ (Eva Misu, Nor Islam Hrimou Soltani, Lucía Pérez Lema, Gabriela Rodríguez Gómez, Jimena Felípez Pallas, Julia Felípez Pallas e Carmen Domínguez Fariña) participaron nesta cita. Estiveron acompañados durante a xornada polo alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Servizos Sociais, Rocío López.

O encontro reuniu representantes de 17 consellos locais de participación infantil e adolescente de toda Galicia, que tiveron a oportunidade de trasladar ás institucións as súas reflexións e propostas sobre os dereitos da infancia. 

Nesta edición, que se desenvolveu baixo o lema ‘O meu día, os meus dereitos, o meu futuro’, os participantes compartiron coa vicepresidenta do Parlamento, a vicepresidenta de Unicef e a conselleira de Política Social e Igualdade as conclusións do traballo realizado previamente nos seus respectivos consellos locais. As propostas enmarcáronse na actividade ‘Estamos aquí’, impulsada por UNICEF a través do programa ‘Cidades Amigas da Infancia’, e centrada nos avances acadados no recoñecemento dos dereitos dos nenos, nenas e adolescentes, así como nos retos que aínda quedan por superar para garantir o seu cumprimento en todos os lugares.

Como parte desta iniciativa, os rapaces e rapazas tamén elaboraron e presentaron unha pancarta coas letras que conforman a mensaxe ‘ESTAMOS AQUÍ’, unha acción simbólica coa que quixeron facer visible a presenza da infancia e reivindicar o seu dereito a ser escoitada nos espazos onde se toman decisións que afectan ao seu presente e ao seu futuro.

O foro coincidiu coa conmemoración do 37.º aniversario da aprobación da Convención sobre os Dereitos do Neno, o 20 de novembro de 1989, e serviu tamén para poñer en valor a traxectoria de UNICEF, que celebrará o seu 80.º aniversario no vindeiro mes de decembro. A xornada permitiu lembrar os avances conseguidos durante estas décadas, pero tamén insistir na necesidade de seguir traballando para que todos os nenos, nenas e adolescentes poidan exercer plenamente os seus dereitos, independentemente do lugar no que vivan.

A participación neste foro dá continuidade ao traballo que desenvolve o EPIA «Os castrexes de Mentes Claras» como espazo de encontro e participación da infancia e adolescencia da Laracha, no que os máis novos poden expresar as súas opinións, compartir inquedanzas e achegar propostas sobre cuestións que lles afectan directamente.

O Concello, no Pleno celebrado o pasado 30 de outubro, xa aprobara unha Declaración institucional con motivo do Día da Infancia que se conmemora hoxe.

Comparte éste artículo
No hay comentarios