Despois do debate tan dispar vivido o xoves, con máis trolas en directo case que minutos por parte do candidato da oposición Alberto Núñez Feijóo e sen tregua de ningún tipo nesta recta final de campaña, o presidente español Pedro Sánchez aterraba en Compostela na noite do venres, entre choiva e vento como non podía ser menos para recibir a tan insigne figura. Se hai algo que coida con mimo o PSOE nos seus mítins, iso é a música, e en Santiago non defraudaba facendo a súa entrada ao son da Muiñeira de Chantada, quizais o tema que máis representa a Galicia aquí e en calquera parte do mundo.
Non se pode negar o efecto, dereito ao corazón en cada nota que todos coñecemos e incluso asociamos a moitos momentos das nosas vidas. A melodía composta polos irmáns Manuel e Antonio Fernández no século XIX poñía a ferver con aires de romaría un pavillón ateigado de xente, entregada xa de inicio a un Pedro Sánchez que daba paso despois a «Superestrella» de Aitana. Porque facerse querer comeza por quererse e valorarse un mesmo, din os entendidos e entendidas na psique humana. Non é un caso illado o galego, calquera sabe que a música elixida ten moito significado e di moito de nós, por iso mesmo no reportorio de campaña dos socialistas hai sempre grupos locais e combativos dos lugares que pisa, e outros tan recoñecidos como Camarón da Isla co seu «La leyenda del tiempo» de Lorca ou o «Como ye» de Rodrigo Cuevas, pasando por «Revolución» de Amaral e por Rosalía, recente triunfadora nos premios Grammy. Dime que escoitas e direite quen eres, e na outra beira, na do PP, optan polo «Halla of Flame» de The Script que é unha desas cancións motivacionais que pós para animarte cando te sintes un perdedor e un ninguén. De 2012, que non deberon atopar nada máis actual. Despois, marchas de Semana Santa e temas procesionais. Que non pechen co «Ave María» de Schubert é o único sorprendente nese ambiente tan festivo. Quizais non dea votos -ou quizais si- pero a diferenza abismal da música que rodea aos candidatos tamén di bastante do tempo no que viven uns e ao que queren devolvernos a vivir outros.