O servizo estará situado no Centro Interxeracional Paco Martín, contará cun equipo de cinco profesionais e ofrecerá atención gratuíta e especializada á infancia de 0 a 6 anos. A previsión é iniciar a prestación en decembro mediante un contrato ponte, mentres se completa o procedemento principal de concerto social.
A Xunta de Goberno Local abordou este luns o inicio do procedemento para a posta en marcha do Servizo Municipal de Atención Temperá, un novo recurso público especializado que permitirá ofrecer atención aos nenos e nenas de 0 a 6 anos que presenten necesidades transitorias ou permanentes no seu desenvolvemento ou estean en risco de padecelas, así como acompañamento e orientación ás súas familias.
A nova unidade estará situada nas instalacións do Centro Interxeracional Paco Martín, onde se están acondicionando os espazos destinados a este servizo. Contará cun equipo multidisciplinar integrado por cinco profesionais : unha persoa psicóloga, unha pedagoga a media xornada, unha logopeda, unha fisioterapeuta e unha terapeuta ocupacional.
A previsión municipal é que o servizo poida comezar a funcionar en decembro, mediante un contrato ponte que permitirá iniciar a atención mentres se completa a tramitación do procedemento principal de concerto social.
O Concello obtivo o pasado 30 de outubro unha subvención de 440.265,60 euros ao abeiro da convocatoria da Xunta de Galicia para a prestación de servizos no marco da Rede Galega de Atención Temperá 2026-2028, cofinanciada pola Unión Europea a través do Programa FSE+ Galicia 2021-2027. A axuda permitirá financiar 15.235 horas de atención ata o 31 de outubro de 2028.
Unha atención personalizada para cada neno ou nena
A Atención Temperá comprende actuacións de prevención, valoración e intervención para favorecer o desenvolvemento infantil e a autonomía persoal. O servizo incluirá a valoración das necesidades de cada menor e intervencións nas áreas psicomotora, cognitiva, da linguaxe e comunicación, da autonomía e do desenvolvemento social e afectivo.
Cada neno ou nena contará cun plan individualizado de atención, adaptado ás súas necesidades e elaborado coa participación da familia. O equipo tamén ofrecerá información, orientación e apoio ás persoas responsables do menor, que terán un papel activo durante todo o proceso.
A prestación será gratuíta para as familias e desenvolverase en coordinación cos ámbitos sanitario, educativo e social, seguindo o protocolo da Rede Galega de Atención Temperá para evitar duplicidades e garantir unha intervención coherente.
Como poderán acceder as familias ao servizo
O acceso articularase a través do protocolo de coordinación e derivación da Rede Galega de Atención Temperá. Cando a familia, a escola infantil, os servizos sociais ou outros profesionais detecten posibles dificultades no desenvolvemento, a situación canalizarase a través dos servizos de pediatría correspondentes.
Cando pediatría considere indicada a atención temperá, emitirá o informe ou documento de derivación. A partir de aí, a familia poderá solicitar o acceso ao servizo a través dos Servizos Sociais municipais. Para acceder será necesario contar co informe de pediatría e estar empadroado no Concello de Lugo.
Un concerto social para garantir a especialización e a calidade
Para a xestión do servizo, o Concello optou pola fórmula do concerto social, mediante unha convocatoria pública na que poderá participar unha única entidade que cumpra os requisitos legais, técnicos e profesionais establecidos.
Esta modalidade permitirá contar cunha entidade especializada que achegará o equipo profesional e asumirá a organización e a prestación da atención diaria nas instalacións municipais. A selección realizarase mediante unha valoración técnica de ata 100 puntos, na que terán especial relevancia a experiencia e a formación dos profesionais, a traxectoria da entidade no ámbito da atención temperá, a calidade do servizo e as propostas de apoio e formación ás familias.
O procedemento tamén contempla dar prioridade ás entidades sen ánimo de lucro cando concorran condicións análogas de efectividade, calidade e rendibilidade social, garantindo en todo caso a libre concorrencia, a igualdade de trato e a transparencia.
O concerto terá unha duración inicial de 22 meses, cun período de execución previsto entre o 1 de xaneiro de 2027 e o 31 de outubro de 2028. O orzamento máximo previsto para esta contratación ascende a 403.576,80 euros, exento de IVE.
A posta en marcha do servizo permitirá incorporar á rede municipal un recurso especializado para a infancia e as familias, con atención individualizada e gratuíta durante unha etapa fundamental para o desenvolvemento dos nenos e nenas.
A Xunta de Goberno Local tamén aprobou a adxudicación do programa pedagóxico de apoio á conciliación «Aprende Xogando» á empresa Osventos Innovación en Servizos, S.L., por un importe de 340.595,64 euros, IVE incluído, e unha duración inicial de dous anos, con posibilidade de prórroga por outros dous. O novo contrato incorpora as ratios de atención reclamadas para garantir unha prestación adecuada ás necesidades dos menores: un monitor por cada cinco nenos e nenas con necesidades educativas especiais e un por cada dez no resto dos grupos. Deste xeito, o servizo contará cunha atención específica para a infancia con necesidades educativas especiaise mellorará as condicións de prestación en materia de seguridade e atención. Ademais, o contrato inclúe como mellora 250 horas anuais gratuítas adicionais de monitorado sobre as previstas nos pregos. O programa ten como finalidade facilitar a conciliación da vida familiar e laboral mediante actividades educativas, lúdicas e de atención á infancia.