O Grupo Municipal Socialista de Oleiros vén de rexistrar unha moción para o seu debate no próximo pleno co obxectivo de impulsar un Pacto Institucional polo Acceso á Vivenda no concello. A iniciativa busca reverter o que os socialistas consideran unha situación de parálise e corrixir un modelo urbanístico que, segundo denuncian, está a expulsar do municipio á mocidade e ás familias traballadoras.
Na exposición de motivos, o PSdeG-PSOE advirte de que a suba continuada dos prezos de compra e aluguer na área metropolitana da Coruña, unida ao predominio en Oleiros de promocións privadas fóra do alcance dos salarios medios e á escaseza de oferta a prezo taxado, está a xerar exclusión residencial. “Non podemos permitir que Oleiros se converta nun municipio inaccesible para a maioría social, perdendo a nosa identidade e diversidade”, sinalan desde a formación.
A proposta recolle as conclusións da mesa aberta de debate sobre o acceso á vivenda celebrada este luns 23 de novembro no centro cultural As Torres de Santa Cruz, na que participaron veciños e veciñas xunto co portavoz de Vivenda do PSdeG no Parlamento de Galicia, Aitor Bouza; a portavoz municipal socialista, Carmen Acuña, e o candidato do PSdeG á alcaldía, Jesús Fernández.
Tres eixos de actuación para Concello, Xunta e Estado
A folla de ruta rexistrada polo grupo socialista establece compromisos concretos nos tres niveis administrativos:
- Ámbito municipal (Concello de Oleiros): os socialistas instan ao goberno local de Alternativa dos Veciños a mobilizar o patrimonio municipal de solo mediante a cesión gratuíta de parcelas residenciais á Xunta de Galicia ou a entidades públicas para construír vivenda protexida, evitando poxas que encarezan o prezo final. Tamén reclaman habilitar unha partida nos próximos orzamentos para crear un parque público municipal de aluguer social e elaborar un estudo actualizado da demanda real de vivenda no termo municipal.
- Ámbito autonómico (Xunta de Galicia): apelando á competencia exclusiva autonómica en materia de vivenda, a moción solicita ao Goberno galego que active de forma inmediata a promoción directa de vivenda pública en Oleiros e reforce as axudas ao aluguer e á compra para a mocidade e as familias traballadoras.
- Ámbito estatal (Goberno de España): pídese ao Executivo central que manteña e amplíe o financiamento destinado a Galicia nos Plans Estatais de Vivenda, consolidando avais, axudas ao aluguer e fondos para vivenda social e eficiente enerxeticamente en municipios con alta tensión residencial.
De saír adiante no pleno municipal, o acordo será trasladado á Presidencia da Xunta, á Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, ao Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana e á Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP)