A Deputación de Pontevedra pide actuar contra o machismo dixital, “comezando pola sensibilización e educación”, no camiño cara a igualdade e a eliminación da violencia sobre a muller

A deportista Desirée Vila foi a encargada de ler o manifesto e o grupo pontevedrés Ensemble Helenes realizou unha acción musical nun acto, no que tamén participou o presidente Luis López, baixo o lema: “Velo non chega. Actúa. Da sensibilización á acción. Un paso adiante contra a violencia machista. Bloquea a violencia. Reporta o machismo”.

A Deputación de Pontevedra conmemora o Día Internacional para a Eliminación da Violencia sobre a Muller cun acto que chama a actuar contra a violencia dixital que sofren as mulleres nas redes sociais e en Internet baixo o lema “Velo non chega. Actúa. Da sensibilización á acción. Un paso adiante contra a violencia machista. Bloquea a violencia. Reporta o machismo”. No vestíbulo do Pazo provincial, o presidente Luis López dixo “basta xa” á violencia que sofren as mulleres “un pesadelo que se leva vidas e estrada outras para sempre” antes de dar a benvida e cederlle a palabra á deportista Desirée Vila, encargada de ler o manifesto da Deputación deste ano polo 25-N, que comezou cunha actuación musical a cargo do grupo de corda pontevedrés Ensemble Helenes.

“Ás vítimas da violencia machista non as esquecemos, nin cesaremos nunca na batalla contra un pesadelo que se leva vidas e que estraga outras para sempre. Basta xa, repetirémolo ata que deixe de ser necesario; nin unha máis. É un feito innegable que hai mulleres asasinadas por homes, que hai mulleres que sofren violencia e que hai mulleres que sofren agresións máis alá das físicas”, declarou o mandatario provincial despois de dar á benvida e agradecer a asistencia a todos as persoas que se achegaron ao Pazo provincial, “un lugar desde o que traballamos xuntos para construír unha provincia segura, igualitaria e xusta”, para conmemorar o 25-N, que pon o foco este ano na violencia dixital. 

“É unha violencia agochada detrás das pantallas. Máis silenciosa, se cabe; sutil, sen deixar de ser atroz; ás veces anónima; e especialmente cruel coas novas xeracións aínda que presente en todas. Pero é unha violencia que humilla igual, que extorsiona igual, que controla igual e que ataca igual á dignidade e á vida das mulleres, e por tanto merece a protección e o combate desde as institucións. A violencia dixital non é unha publicación inocua, sen consecuencias, que se borra ou se bloquea. Os seus efectos son reais, e por desgraza ás veces moi duradeiros”, denunciou o dirixente provincial.

Luis López lanzou tamén un chamamento á unidade e á acción conxunta para erradicar esta lacra. “Se o machismo adopta novas formas de agredir ás mulleres, quen nos opoñemos a el tamén debemos innovar nas medidas de combate. Empezando pola máis básica, a sensibilización e a educación en todos os eidos sociais”, subliñou. 

Neste sentido, o dirixente tamén reflexionou sobre a necesidade de sumar todas as voces posibles a esta loita. “Temos avanzado moito, é certo, pero aínda quedan moitos pasos por dar e, nesta causa, non cabe un paso atrás. Na loita contra unha violencia tan presente non sobra ninguén, todos somos imprescindibles; na loita contra unha violencia sixilosa non sobran voces de alarma; e na loita contra unha violencia tan real non sobran institucións, partidos, colectivos ou persoas decididas a poñer pé en parede contra o machismo dixital, e toda violencia machista. A Deputación de Pontevedra, como institución que destina recursos e todo tipo de apoio a favor da igualdade e contra a violencia, é un integrante máis nesa fronte. A violencia sempre é intolerable, sexa física ou dixital, psicolóxica, económica ou outras. Todas van ter á Deputación de Pontevedra en fronte”, concluíu o presidente provincial antes de reiterar o agradecemento a todas as persoas e institucións que asistiron á conmemoración desta xornada, así como á deportista Desirée Vila, “que nos vai axudar a levar moi lonxe a nosa mensaxe”.

Manifesto da Deputación polo 25-N

Un 25 de novembro de 1960 tres irmás foron asasinadas na República Dominicana por defender a liberdade e opoñerse a unha ditadura. Chamábanse Patria, Minerva e María Teresa Mirabal, pero tamén eran coñecidas como “as Bolboretas”. Quixeron silenciar as súas voces, pero non conseguiron silenciar a súa historia. Hoxe, sesenta e seis anos despois, lembrámolas cada 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. 

O mundo cambiou moito desde aquel día. Cambiou a maneira na que vivimos, nos relacionamos e nos comunicamos. Pero hai algo que, por desgraza, aínda non conseguimos erradicar: a violencia que sufrimos tantas mulleres polo simple feito de selo; unha violencia que non sempre fai ruído, pero que hoxe tamén pode atravesar as pantallas. 

As redes sociais permitíronnos cruzar fronteiras, compartir historias, atopar apoio onde antes había soidade. Déronnos voz e crearon comunidades. Pero esas mesmas redes tamén poden afastarnos da empatía e converterse nun lugar desde o que alguén decide humillar, ameazar ou acosar. 

Nunca foi tan fácil facer dano sen mirar aos ollos de quen o recibe. Sei do que falo, porque hai dous anos un vídeo que compartín nas miñas redes sociais se fixo viral; un vídeo no que simplemente facía humor sobre a miña propia discapacidade, pero, con el, chegaron comentarios que nunca imaxinara recibir. 

Naquel momento dixen algo que hoxe quero volver repetir: “Un descoñecido falando de sexo e do corpo dunha muller NON é humor”. Porque estar nunha rede social non é unha invitación a recibir acoso. 

Aquel día deixei de ser unha espectadora dunha realidade que ata entón coñecía de lonxe para vivila en primeira persoa. E foi tamén aquel día cando comprendín algo aínda máis importante: eu non era unha excepción. Porque a miña historia non era a primeira. Nin, por desgraza, sería a última. 

Ana Peleteiro, deportista galega, denunciou insultos e ameazas nas redes sociais. Fátima Pego, cantante e presentadora, fixo públicos os comentarios de acoso sexual que recibía. E Paula Vázquez tamén falou das ameazas e do odio que sufriu a través de internet. 

E non son só casos coñecidos: segundo a Macroenquisa de violencia contra a muller, en España o 34,5 % das mulleres de entre 18 e 24 anos sufriu acoso dixital nalgunha ocasión. 

Unha de cada tres. Pensemos nas nosas amigas. Nas nosas irmás. Nas nosas fillas. Nas nosas compañeiras. E pensemos tamén en todas aquelas das que nunca coñeceremos a historia. Porque non todas as mulleres poden ou queren contar o que lles sucede. 

E é precisamente aquí onde debemos aprender a distinguir entre dous silencios moi diferentes. 

Silencio. Substantivo masculino. Ausencia de palabras, de ruído, de voz. 

O silencio de quen ten medo de contar o que lle acontece. O silencio de quen recibe unha ameaza e non sabe a quen acudir. E o silencio de quen presencia unha inxustiza e decide mirar cara a outro lado. E ese último silencio é o que non nos podemos permitir.

Ningunha muller está obrigada a contar publicamente o que sufriu. Nin a expoñer a súa dor, nin a xustificar o seu medo, nin a demostrar que merece ser escoitada. Porén, a responsabilidade de acabar coa violencia debe recaer tamén en quen a permite. Nunha sociedade que non pode seguir normalizando o que nunca debería ser normal. 

Por iso, hoxe queremos falar de feitos. De non rirlle as grazas a quen humilla. De apoiar a quen sofre acoso. De educar no respecto, dentro e fóra das pantallas. E de esixirlles ás plataformas dixitais e ás institucións que asuman tamén a súa responsabilidade na prevención e na protección das vítimas. 

A violencia dixital non é menos real por acontecer nun espazo virtual. Detrás de cada pantalla hai unha persoa. E detrás de cada persoa hai unha vida que merece ser protexida. Necesitamos sumar voces, unir esforzos e transformar a preocupación en compromiso.

A escritora e pensadora galega Concepción Arenal deixou unha reflexión que segue tendo sentido hoxe: “As forzas que se unen para facer o ben non se suman, multiplícanse”. E sabedes que? Ela tamén tivo que soportar ataques por expresar libremente o que pensaba.

Fronte á violencia non chega con que unha persoa levante a voz. Precisamos que outras a escoiten. Que a acompañen. Que actúen. Hoxe, a palabra que nos reúne é ACTÚA: cinco letras, cinco compromisos que podemos asumir como sociedade. 

  • “A” de “acompañar”. A quen sofre. A quen decide contalo e a quen prefire gardalo para si. 
  • “C” de “compromiso”. De non mirar cara a outro lado e de entender que a violencia non é un problema alleo mentres non nos toque de preto. 
  • “T” de “tecer”. Tecer redes que protexan, que acompañen e que sosteñan. 
  • “U” de “unir”. Unir as nosas voces e os nosos esforzos. Porque unha soa voz pode romper o silencio, pero miles de voces unidas poden transformar unha sociedade. 
  • “A” de “agora”. Porque a igualdade non pode seguir sendo unha promesa para mañá. Porque cada día que miramos cara a outro lado é un día máis no que alguén sofre en silencio. 

Que as redes que construímos sirvan para unir, non para ferir. Que as xeracións que veñen detrás de nós atopen un mundo no que a súa voz non sexa motivo de ameaza, senón unha oportunidade para ser escoitadas. Que unha pantalla non sexa nunca unha escusa para esquecer que ao outro lado hai unha persoa. 

Comparte éste artículo
No hay comentarios