Besteiro sitúa en 2027 a licitación da A-74 e reivindica a continuidade socialista na Mariña o 29N fronte ao «freo» do PP

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, asegurou este mércores en Burela que a autovía A-74 da Mariña poderá licitarse en 2027, «despois de todos os fiascos dun Partido Popular que non fixo absolutamente nada nesa infraestrutura». Fíxoo nun acto na recta final da campaña das eleccións xerais do 29 de novembro, acompañado pola cabeza de lista do PSOE ao Congreso por Lugo, Patricia Otero, e pola presidenta da Deputación de Lugo e alcaldesa de Burela, Carmela López.

Coincidindo co 25N, Besteiro abriu a súa intervención reafirmando «o compromiso firme dos socialistas contra a violencia machista e contra os que queren recortar os dereitos das mulleres», antes de centrarse nas infraestruturas e no futuro industrial da comarca.

Respecto a Alcoa, o líder do PSdeG reivindicou o papel do seu partido no acordo de viabilidade da planta de San Cibrao: «Fomos o único partido que sostivo ese acordo entre empresa e traballadores fronte a outros que miraban para outro lado». Lembrou o apoio do Executivo de Pedro Sánchez á continuidade da factoría e reclamou que comece canto antes a construción do forno de cocción de ánodos —financiado con 40 millóns de euros do PERTE de Descarbonización—, unha infraestrutura que cualificou de clave para a eficiencia e viabilidade económica da planta. Ademais de apostar por unha enerxía «máis barata e máis limpa», esixiu á multinacional que cumpra os compromisos asinados.

Sobre a A-74, Besteiro afirmou que 2027 «será o ano do impulso» da autovía tras aprobar o Ministerio de Transportes, o pasado mes de xuño, o proxecto de trazado do primeiro tramo entre O Carme e Barreiros. O dirixente socialista atribuiu este avance ao traballo do Goberno central para desbloquear unha obra paralizada durante os executivos populares e prometeu un goberno que garanta «un bo futuro sostible para a Mariña lucense».

Pola súa banda, Patricia Otero puxo o foco nos autónomos e no sector pesqueiro. Lembrou as medidas aprobadas onte polo Consello de Ministros, que inclúen unha rebaixa do IRPF de 465 millóns de euros para 2,6 millóns de traballadores por conta propia e unha declaración anual única de IVE para quen facture menos de 85.000 euros, medidas das que se beneficiarán boa parte dos máis de 205.000 autónomos galegos.

No ámbito marítimo, a candidata socialista destacou o desbloqueo este luns do acordo pesqueiro entre a Unión Europea e Mauritania —que beneficia á frota con base en Burela— e alertou sobre a proposta da Comisión Europea de recortar o fondo FEMPA no marco 2028-2034, responsabilizando ao Partido Popular Europeo de liderar esa redución. Otero pechou a súa intervención facendo un chamamento a concentrar o voto progresista no PSOE na provincia de Lugo para disputarlle ao PP o terceiro escano: «Estamos nun ti a ti co Partido Popular, estamos moi pretiño de quitar ese terceiro escano. Hai que votar con cabeciña».

Finalmente, a alcaldesa de Burela e presidenta provincial, Carmela López, denunciou o abandono histórico que sufriu a comarca ata que un goberno socialista «desempoou o expediente da A-74». López defendeu que «só un goberno socialista será capaz de poñer o primeiro centímetro desa comunicación tan necesaria» e criticou a Xunta de Galicia polo estado da VAC Costa Norte, á que cualificou como «un pseudoproxecto que non vai servir practicamente para nada». Reivindicou o peso da Mariña como «unha gran cidade de 70.000 habitantes» clave para a provincia e apelou á confianza dos veciños para sacar adiante os proxectos estratéxicos da comarca.

E pola tarde repartindo propaganda do PSOE en Ourense

Comparte éste artículo
No hay comentarios