Concello e centro de ensino coordinan o traslado durante as festas ao Centro Sociocultural da Insua unha vez rematadas as obras de rehabilitación do edificio.
O novo comedor escolar do CEIP de Caión comezará a funcionar á volta das vacacións de Nadal nas instalacións do Centro Sociocultural da Insua. O alcalde, José Manuel López Varela, a concelleira de Educación, Patricia Bello, e o concelleiro de Obras, Pablo Cambón, mantiveron un encontro co secretario do centro e mestre, José Carballido, para coordinar os detalles do traslado desde o seu emprazamento actual, que se fará durante as Festas para non interferir no servizo.
O comedor ocupará unha das estancias do edificio, que foi obxecto dunha renovación integral concluída recentemente. Unha das vantaxes das novas instalacións é que contan cun acceso directo desde o interior do propio colexio, situado xusto na parte posterior do inmoble, polo que o alumnado poderá chegar ao comedor sen necesidade de saír ao exterior do centro.
O novo espazo ofrecerá condicións máis cómodas e funcionais para os 30 escolares que utilizan actualmente o servizo de comedor nun centro educativo que conta cun total de 69 alumnos. Ademais, o traslado permitirá liberar espazo no propio edificio do colexio, mellorando tamén a distribución e o aproveitamento das súas instalacións para a actividade educativa.
O remate das obras no Centro Sociocultural da Insua permite dispoñer dun edificio renovado que seguirá dando resposta a diferentes necesidades da vila. Ademais do novo comedor escolar, o inmoble alberga noutros espazos independentes o consultorio médico e unha zona para uso do tecido asociativo local e para actividades municipais.
O proxecto de rehabilitación incluíu a mellora integral da envolvente térmica mediante a instalación dun sistema de illamento exterior SATE nas fachadas, a renovación do illamento da cuberta e a substitución do antigo sistema de calefacción por un equipo de aerotermia con bomba de calor. Tamén se realizaron traballos de acondicionamento e renovación dos espazos interiores, incluíndo a pintura e a dotación de novo equipamento ao consultorio médico.
O orzamento ascendeu a 171.400 euros e foi financiado co apoio económico da Xunta de Galicia ao abeiro da convocatoria de axudas para mellorar a eficiencia enerxética dos edificios e infraestruturas vinculados á prestación de servizos municipais, cofinanciada pola Unión Europea a través do programa Galicia Feder 2021-2027.
A renovación do Centro Sociocultural da Insua supón unha mellora importante para Caión, tanto pola eficiencia enerxética dun edificio que data de 1970 como pola adaptación dos seus espazos a distintos servizos públicos de interese xeral.