CD Lugo, máis líder; U.D. Ourense, máis pechacancelas

Lugo e U.D. Ourense mostraron no Ángel Carro o que di a clasificación. O líder, con poucos atrancos, sen forzar a máquina, gañou facilmente ao pechacancelas, que deixou ver moitas carencias competitivas e até técnicas, que resulta estraño ver nesta categoría. O xeito de defender a xogada que deu o gol a Lucero é un exemplo. O partido tivo a expulsión de Xabi Domínguez no comezo do segundo período. Nos últimos instantes, Rielo rexeitou un penalti lanzado por Álex Costa.

Dous equipos, dous niveis diferentes

Esperábase un Ourense en repregamento e un Lugo manexando a posesión. Os equipos foron fieis ás previsións. O Ourense achegouse intermitentemente á área local a base de contraataques, pero Baldrich estivo moi desasistido. Os problemas de calidade técnica no cadro ourensán evidenciáronse en varios comezos de xogada. Samu, nunha posición afastada da súa, non foi quen de salvar co seu pé predominante mal orientado a presión de Gallar, que acabou no chan a uns oito metros da frontal. O propio Gallar sacou o libre directo na perpendicular do pau esquerdo da meta Rielo e a pelota acariñou o gol.
O mellor do Ourense estaba fóra, cuns seareiros que daban folgos a un equipo limitado.
Tamén limitado volveu a estar Dauda esta temporada. O punta non foi quen de ver porta tres minutos despois da de Gallar, no catorce. Quixo axustar un remate na área e mandou a pelota fóra.
O 1-0 aconteceu no minuto 18. Gallar devolveu axiña un balón para a subida de Lucero. O lateral viu unha autoestrada para entrar na área. Só un mal perfilado Noel González acabou por colocarse no medio, pero logo de atrapallarse con Cabrera, non soubo orientar co corpo o drible do arxentino. Lucero xirou cara ao interior e xutou comodamente batendo a Rielo por abaixo.
O Lugo seguiu controlando o partido sen excesivo esforzo, esperando un segundo gol que puidera chegar dun novo erro individual, ou da propia descoordinación do sistema unionista.
Logo de dous pases de calcañar errados por Chiqui, o extremo deu saída á súa calidade con dous pases co exterior ao espazo. No segundo, aos 37 minutos, Dauda recolleu a pelota e foi derrubado por Noel González perto da frontal. Ao ser polo lado esquerdo, o estremeño apuntouse ao lanzamento da falta, que estrelou no traveseiro. A pelota rebotou nas costas de Rielo antes de marchar pola liña de fondo.
No 40, outro pase de Chiqui, esta vez para o ex unionista Simón, deu vantaxe ao lateral esquerdo, que colocou un centro raso e poderoso desde as proximidades da liña de fondo. Noel González puido rexeitar, pero deixou o coiro morto. Gallar andaba perto, pero tamén Rielo, que chegou antes e completou a acción defensiva.

Expulsión de Xabi Domínguez, contra en tres toques e penalti errado

A folga de quince minutos deu algún azo ao Ourense, que tiña máis control e presenza na parcela defendida polo Lugo. Malia todo, o equipo non andaba coordinado. Cando o balón ía pola esquerda, David non era quen de superar ninguén, nin medir un pase ao desdobramento de Cabrera; cando ía pola dereita, David axitaba os brazos constantemente tentando que a circulación fora máis lenta. Daba sensación que, por riba de evitar pases precipitados, o que pretendía era que os ataques se acomodaran ao ritmo dun xogador en último período de carreira deportiva.
A súa perda de xerarquía retratouse no segundo pase non forzado en seis minutos. O Lugo montou unha que acabou no segundo amarelo a Xabi Domínguez cando, sen opcións de chegar ao balón, empurrou polas costas a Dauda mentres o atacante local corría cara á área.
Superada a hora de xogo, unha xogada confusa, que puido ser saque de banda favorable ao Ourense, rematou no 2-0. Varios xogadores visitantes reclamaron a posesión nun acto de inxenuidade profunda. O Lugo puxo a pelota axiña para Gallar, que tras unha condición breve mudou a orientación do ataque ollando como Chiqui corría pola esquerda diante del. O estremeño, que tamén ollou o desmarque de Berzal pola dereita, regaloulle o pase ao primeiro toque e o interior, anticipándose á saída de Rielo, bateuno para poñer a que sería distancia definitiva.
O resto das ocasións seguiron sendo locais. No minuto 68, Álex Costa escapou cun reverso do seu marcador e cruzou a rosca a rentes do pau. No 73, Costa deixou outra vez en evidencia a Noel González ao roubarlle a pelota perto da área unionista. Logo, o madrileño pasou a Berzal, que ladeado, forzou a Rielo a rexeitar o seu disparo xunto ao poste.
No minuto 81, Godoy xutou contra o lateral externo da rede un centro ao segundo pau de Berzal e, por último, logo que Álex Costa fora agarrado na área por Cabrera cando saltaba a un remate, García Arriola sinalou o punto de penalti. A vítima encargouse de executalo, pero Rielo atinou o lado e rexeitou o coiro.
O Lugo gañou facilmente e é máis líder ao aproveitar a cambadela do Logroñés contra o Barakaldo no Nuevo Las Gaunas. Pola outra banda, o Ourense é máis pechacancelas porque fica outro punto máis lonxe do Arenas, que empatou en Irún.

Ficha

SÁBADO 28/11/2026 (18,45) Campo: ÁNGEL CARRO (2.861)
C.D. LUGO : 2 – U.D. OURENSE : 0 (1‑0)

LUG : Embadje; Lucero, Gárriz, Pol Moreno, Simón (Pere Haro 56’); Gallar (Godoy 73’), Parrilla (Mateo 82’), Perera; Alex Costa, Dauda (Berzal 56’), Chiqui (Achore 73’). Tre. Borja Fernández. (Banco: Marc Martínez (g); Candal (g); Kike; Hugo Pascual; Morchiladze).
OUR : Rielo; Samu, Labrada, Noel González, Cabrera, Xabi Domínguez, Tejón (Varo 69’), Curro (Gandarillas 59’), Bastida (Champi 77’), David (Roi 69’); Baldrich (Jansonas 77). Tre. Agustín Ruiz. (Banco: Manu Vizoso (g); Irazu; Mauro).
Goles: 1-0 Lucero 18’; 2-0 Berzal 62’.
Árbitro: García Arriola (País Vasco). Auxiliares: Aostri Durán e Gil Soriano. 4º árb.: García Rey.
Disciplina: CA: Noel González 36’; Labrada 43’; Simón 53’; Cabrera 89’; Varo 90’ / Agustín Ruiz (tre. OUR) 63’ // DA: Xabi Domínguez 45’ e 51’.
NOTAS: 89’ Rielo rexeita un penalti lanzado por Álex Costa.

Comparte éste artículo
No hay comentarios