O Racing volve a errar en ataque e non pasa do empate ante o Mérida (1-1)

O Racing sumou o seu terceiro partido consecutivo sen gañar na Malata. Un golazo de Hallsson, aos cinco minutos, fixo que os pupilos de Javi Vázquez foran a reboque do Mérida no resto do encontro. O cadro galego xerou moitas ocasións, pero os dianteiros non son quen de finalizar. Antes do descanso, Martín Solar mandou un xute ao traveseiro. No segundo tempo, Eto’o aproveitou un erro de Jay para empatar, pero con case media hora, na que Álvaro Juan desfrutou dos seus primeiros minutos da temporada, o Racing non deu superado unha segunda vez a Juhasz, que foi a figura do partido.

A chilena dun islandés, un gol fantasma e as paradas dun húngaro

O Mérida, moi presionante foi quen tivo o control do partido nos primeiros minutos. O Racing parecía demasiado relaxado e ninguén saíu a fecharlle a xanela a Martín Solar cando asomou ao balcó da área no quinto minuto. O seu centro foi espectacularmente rematado por Hallsson, que cunha chilena mandou o coiro á rede.
O Racing foi facéndose co control do xogo de xeito progresivo até acumular unha importante cantidade de ocasións antes do descanso. A primeira aproximación, aos oito minutos, salvouna Nacho, que mandou pola liña de fondo un centro perigoso de Álvaro Ramón.
O Racing presionou, primeiro cun disparo de Leal que puido rexeitar Juhasz. Despois, nunha acción persoal de Buján, que decidiu disparar logo de entrar na área. O meta do cadro emeritense salvou no primeiro pau coas pernas.
Na seguinte, aconteceu a acción máis discutida do primeiro período. Logo que Eto’o xutara á base do pau, un xogador racinguista colleu o rebote e rematou á porta desde a área pequena. O meta visitante sacou a pelota aparentemente desde dentro da portería, pero o colexiado, moi protestado desde ese intre, non apreciou gol logo da revisión.
O cuarto de partido pasou cun centro ao segundo pau de Ropero, que Buján non deu rematado con precisión.
Á media hora, unha estirada de Juhasz evitou que un disparo á escuadra de Leal significara o empate. Na continuación, o meta meteu as luvas para salvar unha cabezada polo centro de Eto’o.
Juhasz salvou outra vez o empate ao lanzarse ao chan para desviar un xute de Buján. O estremo vasco recollera na área un despexe defensivo prolongando unha falta sacada por Fabio.
O centrocampista canario acariñou o gol no 40, cando lanzou un golpe franco a 25 metros da portería tras outra falta sobre Buján.
O Mérida case non chegaba, pero cando o fixo meteu medo. No minuto 41, tras un saque de esquina lanzado por El Ftouhi, Martín Solar recolleu o despexe lonxe da área e mandou un pelotazo ao traveseiro, que por pouco no bateu nas costas de César. Foi a derradeira ocasión dun primeiro tempo que rematou co Racing ao ataque e con Beneit perdoado polo árbitro tras facer unha innumerable cantidade de faltas.

Eto’o, logo de moitos remates, aproveita un erro de Jay

O primeiro significativo do segundo tempo foi outra aparatosa falta de Beneit sobre Álvaro Ramón. O visitante apañou o amarelo, igual que Nacho, no seguinte minuto, anulando antirregulamentariamente a saída de Eto’o, que segundos antes, malia estar en fóra de xogo, deixou dúbidas sobra a súa verdadeira calidade ao tirar fóra un man a man ante Juhasz.
No minuto 55, César non foi contundente nun despexe de puños saíndo da área pequena. O coiro quedou para Nacho, pero o meta rectificou e puido desviar o xute do central visitante, que subira a rematar unha falta,
Na hora de xogo, Fito non sorprendeu a César cun golpeo desde o círculo central, antes que Eto’o volvera a caer outra vez en fóra de xogo e temporazara en exceso cada recepción.
O empate chegou do xeito menos esperado, cando Fran Beltrán ía usar a súa primeira xanela de substitucións. Jay, na área pequena, quixo ceder co peito para Juhasz un centro de Álvaro Ramón, tocou mal a pelota e Eto’o só tivo que empurrar á rede no minuto 65.
O catalán tivo o dobrete dous minutos despois, pero non cruzou suficientemente o disparo permitindo que Juhasz, sobre a liña de gol, no centro do marco, salvara coa perna.
O partido entrou na parte final con moita incerteza. Juhasz concedeu un segundo córner consecutivo ao sacar xunto ao traveseiro unha cabezada de Eto’o. Pouco despois, chaparía outro do mesmo xogador. O Racing engarrafou por momentos ao rival, pero o partido rematou na ñarea do Racing, cun saque de esquina lanzado por Beneit e rexeitado pola defensa.

Ficha

DOMINGO 29/11/2026 (12,00) Campo: A MALATA (3.589)
RACING C. FERROL : 1 – A.D. MÉRIDA : 1 (0‑1)

RAC : César; Leal, Monjonell, David Castro, Álvaro Ramón; Bernal, Fabio, Esquerdo; Buján (Álvaro Juan 81’), Eto’o, Ropero (Alcaina 89’). Tre, Javi Vázquez. (Banco: Morro (g); Danés (g); Edgar; Saúl; Azael; Sekou; Lucas Camba; Ojeda).
MER : Juhasz; Hugo Carrillo, Nacho, Fito (Salguero 66’), Jay; Beneit, Geo Almeida (Dibrani 77’), Martín Solar, Jota (Guagua 87’; Hallsson (Koné 66’), El Ftouhi (Chechu 87’), Tre. Fran Beltrán. (Banco: Álex Gil (g); Sandoval; Doncel; Aranda).
Goles: 0-1 Halsson 5’; 1-1 Eto’o 65’.
Árbitro: Tomé Alonso (As Palmas). Auxiliares: Prat Hernández e Melón Lanza. 4º árb.: Íñigo Hernández.
Disciplina: CA: Hallsson 19’; Fito 36’; Martín Solar 44’; Beneit 50’; Nacho 51’; Hugo Carrillo 72’ / Javier Cieza (prep. fís. RAC) 32’.

Foto: Fito e David Castro, dous centrais galegos, pelexandio unha posición na área do Mérida. © 21noticias.com

Comparte éste artículo
No hay comentarios