A ETS de Náutica e Máquinas da UDC, punto de encontro de toda a cadea de valor do sector marítimo no Foro Riazor: Global Maritime Sustainability

por Redacción A Coruña

As xornadas, organizadas en conmemoración do Día Internacional contra o Cambio Climático que se celebra cada 24 de outubro, pretenden ser punto de reflexión sobre a descarbonización do transporte marítimo.

O reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao, presidiu esta mañá na Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas de Universidade da Coruña o acto de inauguración do “Foro Riazor: Global Maritime Sustaninability”, un evento ao que tamén asistiron Alfonso Villares Bermúdez, conselleiro do Mar da Xunta de Galicia; Federico Navarro Cabrera,  coordinador da Subdirección Xeral de Seguridade, Contaminación e Inspección Marítima da Dirección Xeral da Mariña Mercante, do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible; Martín Fernández Prado, presidente da Autoridade Portuaria da Coruña; e Manuel Romero Gómez, director da ETS de Náutica e Máquinas da UDC.

Durante o acto, Cao felicitou á organización do Foro “por ter escollido esta temática e polo interesante contido das sesións que se van levar a cabo durante estes días. Para a UDC- engadiu o reitor- é moi importante a sustentabilidade, sempre o foi, de feito temos unha ambiciosa proposta de creación dun campus de especialización internacional en sustentabilidade, ou o Campus Emerge, un proxecto con outras universidades da periferia de Europa, no que a sustentabilidade é un dos fíos condutores”.

O reitor resaltou a ETS de Náutica e Máquinas como un exemplo da implicación que ten a universidade da Coruña co entorno marítimo, resaltando tamén a Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos e a Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, así como os centros de Investigación da UDC, que desenvolven proxectos relacionados con esta industria.

O Foro Riazor, organizado en conmemoración do Día Internacional contra oCambio Climático, que ten lugar cada 24 de outubro, ten como finalizade crear un punto de encontro entre diferentes organizacións empresariais que operan na cadea de valor do ámbito marítimo, navieiras, futuros profesionais do mar e o público en xeral, para analizar as tendencias do sector e explorar novas vías de descarbonización do transporte marítimo, así como a creación de novas oportunidades laborais.

Este evento realizou a súa primeira edición en 2023 e o éxito acadado promoveu a celebración dunha nova edición este ano, a cal conta co apoio da Xunta de Galicia e a Deputación de A Coruña.

Tres mesas redondas serán o eixo sobre o que se estruturaran as xornadas. A primeira delas estará dedicada á análise da normativa relativa á regulación das emisións, a segunda abordará os sistemas de propulsión que permitan reducir as emisións contaminantes e o uso de novos combustibles, e a terceira estará enfocada nas oportunidades laborais e perfís máis demandados no sector.  

Ademais, haberá dúas conferencias, unha de Coca-Cola Europacific Partnerssobre o seu proxecto «Mares Circulares «, e a segunda versará sobre apresenza da muller no mundo mariño e a presentación da asociación WISTA (Women’s International Shipping & Trading Association).

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario