Besteiro insta ao PP a amosar o informe no que se escuda para rexeitar as propostas dos socialistas para a comisión de investigación dos contratos da Xunta

por 21 Noticias

O Secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, visitou hoxe Caldas de Reis para apoiar a celebración dos 45 anos ininterrompidos de goberno socialista na vila. Nunha visita marcada “polo orgullo e o recoñecemento”, Besteiro percorreu as rúas de Caldas acompañado polo actual alcalde, Juan Manuel Rey, e os dous anteriores rexedores socialistas, Adolfo Abalo e José María Tobío, nun xesto simbólico de continuidade e unidade.

Este sábado celebrarase un acto especial para homenaxear a historia de goberno socialista na vila, dende 1979 ata hoxe, recoñecendo o traballo colectivo que levou ao desenvolvemento e transformación de Caldas de Reis. Besteiro destacou a relevancia deste evento non só como un recoñecemento ao pasado, senón tamén como unha proxección cara ao futuro. “Este é un motivo de orgullo para todo o Partido Socialista, porque recolle un legado de progreso democrático que seguiremos impulsando para mellorar a vida dos cidadáns e cidadás de Caldas”, sinalou.

O actual alcalde, Juan Manuel Rey, tamén falou da importancia deste evento. “Para nós é un honor e un orgullo presentar este feito histórico de 45 anos ininterrompidos de exercicio de socialismo, de moi bo socialismo e de moi bo municipalismo, que foi o que nos perpetuou ata aquí”, declarou. Rey explicou que as celebracións permitirán facer unha revisión do pasado, pero, sobre todo, proxectar o futuro. “Queremos enfocarnos nestes dous sentidos e animar a xente a acudir este sábado aos actos deseñados para isto”, engadiu.

O alcalde confirmou que está todo listo para o sábado: “Inauguraremos unha exposición que recollerá os feitos máis importantes desta historia. A continuación, haberá un acto político no que intervirán José Ramón Gómez Besteiro e Fernando González Laxe, e despois celebraremos unha comida que nos permitirá recordar feitos e andanzas destes 45 anos”.

Malestar na comisión de investigación

A preguntas dos xornalistas, Besteiro tamén aproveitou a ocasión para comentar a actualidade política. En relación coa Comisión de Investigación sobre os contratos a familiares de altos cargos do PP e do sobrecuste do hospital Álvaro Cunqueiro no Parlamento de Galicia, o líder socialista mostrou o seu malestar pola falta de transparencia.

Denunciou que o Partido Popular rexeitou emendas que apostaban por maior axilidade e claridade na investigación. “Pedimos que se faga público o informe xurídico no que se basean para rexeitar as nosas propostas, porque os galegos e galegas merecen saber a verdade sobre os contratos e a execución das obras do hospital”, afirmou.

Peaxes e Bonificacións nas autoestradas galegas

Finalmente, Besteiro abordou a cuestión das peaxes, sinalando a clara diferenza entre os modelos de xestión das infraestruturas entre o Partido Popular e o Partido Socialista. Aplaudiu as bonificacións do Goberno central na AP-9, que acadaron o 75 % para os usuarios habituais, pero criticou que a Xunta, baixo o mando de Alfonso Rueda, non implementase bonificacións nas autoestradas de titularidade autonómica, como a AG-55 e a AG-57.

“Os veciños e veciñas desas zonas seguen sendo tratados como cidadáns de segunda polo Partido Popular”, dixo Besteiro, reclamando que a gratuidade tamén se aplique ás autoestradas autonómicas. “O que fai Rueda é regalar cartos ás concesionarias mentres os usuarios seguen pagando altos prezos. Demandamos coherencia e xustiza para todos os galegos”, concluíu.

Con esta postura, o PSdeG reafirma o seu compromiso cunha xestión xusta das infraestruturas en Galicia e continúa defendendo os intereses dos cidadáns fronte a medidas que considera discriminatórias, tal e como sinalou onte tamén o alcalde de Vigo, Abel Caballero.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario