“A Coruña é pioneira nesta iniciativa que garante que maiores e pequenos poidan desenvolverse fisicamente durante o ano”, dixo a alcaldesa
A alcaldesa, Inés Rey, asistiu esta mañá ao desenvolvemento das actividades pertences ao programa das Escolas Deportivas Municipais para o presente curso 2024/2025. A rexedora, acompañada polo concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, visitou aos usuarios e usuarias de mantemento, natación e bádminton que se desenvolven nas diferentes instalacións da Cidade Deportiva de Riazor.
«A Coruña foi pioneira na creación destas Escolas Deportivas e na actualidade mantemos e melloramos este servizo que garante que tanto maiores como pequenos poidan desenvolverse fisicamente durante o ano», indicou Rey durante a visita. Este ano un total de 3.719 persoas participan neste programa. Este curso hay un total de 3.983 prazas ocupadas, tendo en conta a persoas que están en varias actividades á vez. Este dato supón case 300 prazas máis que no curso anterior.
Inés Rey celebrou tamén que, un ano máis, a participación feminina neste programa é «altísima», con 2.655 mulleres matriculadas. «Desde as administracións temos que garantir o acceso das mulleres ao deporte e este programa municipal é un bo exemplo diso, síntoma de avances en materia de igualdade», dixo.
Este curso hai un total de 252 grupos. Os máis numerosos son os de persoas menores de idade, con 21 grupos de 12 a 17 anos, 23 grupos de 9 a 11 anos e 23 grupos de 6 a 8 anos. Tamén destacan os de máis de 60 anos, cun total de 56 grupos. As Escolas Deportivas Municipais ofertan un total de 28 actividades, entre as que se atopan pilates, tenis, waterpolo, zumba, ioga, escalada, esgrima ou ciclismo.