Faranse catro murais en puntos estratéxicos, o primeiro deles na grúa do porto
O mar de Caión: Un acercamento ao medio ambiente mariño e costeiro é o proxecto que promoven o Concello da Laracha e a Consellería do Mar da Xunta de Galicia, a través do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) da Costa da Morte, e que vai dirixido a favorecer o desenvolvemento local, potenciar o turismo e destacar o patrimonio medioambiental do litoral larachés.
Unha das partes deste proxecto consistiu no desenvolvemento dunha serie de actividades relacionadas co medio ambiente, a biodiversidade, os oficios do sector pesqueiro e a protección do litoral que se levaron a cabo hai poucas semanas.
A outra parte do programa, que está actualmente en marcha, céntrase no desenvolvemento de actuacións dirixidas a dinamizar o turismo e a exornar a vila de Caión.
Así, o Concello está a apostar pola arte urbana para embelecer espazos situados en puntos estratéxicos da localidade pola súa alta visibilidade e o impacto positivo que xerarán ao integrarse na paisaxe caionesa. O alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Turismo, Patricia Bello, interesáronse polo desenvolvemento do primeiro dos murais que se está realizando. Foi no porto, onde o artista vigués Pelucas Pilas Bubbles leva a cabo o seu traballo empregando como lenzo a base de formigón da grúa. No mural reflíctense a enerxía da natureza e as cores da paisaxe mariña, combinadas con imaxes antigas de Caión e elementos relacionados coa actividade pesqueira.
O segundo traballo, que comezará nos próximos días, localizarase na medianeira dun edificio particular da Avenida da Laracha. En 2025 faranse outros dous murais en espazos destacados da vila.
Paralelamente, o proxecto tamén inclúe a creación dunha ruta selfie ‘Self-Caionízate’ ao longo do paseo marítimo. Estará composta por varias estruturas que permitan tomar autorretratos nos principais puntos de interese, aumentando así a experiencia lúdico cultural dos visitantes. Tamén incluirá a instalación de letras corpóreas que visibilicen a identidade de Caión.
O Concello e o GALP Costa da Morte invisten 77.000 euros en todas as accións, actividades e iniciativas que inclúe o proxecto O mar de Caión: Un acercamento ao medio ambiente mariño e costeiro.