A revista publica un novo número, coa capa da ilustradora Andrea de Toba
Xa está dispoñible o número 14 da revista Mazarelos, correspondente ao outono de 2024. Arranca coa entrevista a Marina Mosquera Martínez, directora do Instituto Catalán de Paleoecoloxía Humana e Evolución Social (IPHES) e da célebre escavación de Atapuerca. Neste diálogo, a arqueóloga reflexiona sobre os retos da arqueoloxía moderna os principais retos que enfronta esta disciplina.
O número tamén se achega á Galicia rural da Idade Moderna co artigo sobre os usos e preitos dos montes galegos. Esta análise histórica profundiza na importancia do monte como recurso comunal e produtivo. O patrimonio material galego tamén ocupa un lugar central co artigo sobre as cruces procesionais de madeira do Corgo, que nos revela a importancia destas pezas litúrxicas case extintas. A nivel social, o movemento veciñal na Transición aparece recollido nun artigo que examina o papel crucial das mulleres nese período de transformación política. Desde a súa participación activa nos barrios ata a creación dun tecido social que aínda perdura, as mulleres estiveron no centro dos cambios que definirían o futuro do país.
Avanzamos e atopamos unha análise do pensador Hayden White. O artigo repasa as súas ideas clave, que tanto influíron na historiografía, cunha reflexión sobre como a linguaxe e a estrutura narrativa modelan a nosa percepción do pasado. Complementando esta reflexión, atopamos o artigo sobre o pintor surrealista Philip West, que explora a súa forma de entender o mundo a través da súa obra, cargada de misterio e inquietude, en sintonía cos postulados orixinais do surrealismo.
Continúa cunha conversa con Irene García Losquiño e José Carlos Sánchez Pardo, que nos descubren a relevancia de Galicia nas conexións viquingas nas rutas comerciais atlánticas medievais, explorando a súa pegada no noroeste da Península Ibérica. Finalmente, a Asociación Galega de Deseño é protagonista dunha reflexión sobre a evolución e os retos do deseño en Galicia.