Formoso destaca en Suíza o papel dos centros de emigrantes, que manteñen acendida a chama da galeguidade arredor do mundo 

por 21 Noticias

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, presidiu hoxe en Suíza o acto de conmemoración do 55º aniversario do Centro Español de Lyss, unha pequena localidade duns 16.000 habitantes situada a 18 quilómetros de Berna, onde reside unha importante comunidade de máis de 3.500 persoas con orixe no noso país. Ao acto asistiu tamén como invitado Alberto Romar, alcalde de Santa Comba, municipio que conta cunha ampla comunidade emigrante nesta zona do país helvético.

Durante o acto, que congregou a máis de 300 emigrantes procedentes do cantón de Berna, Formoso quixo destacar o papel de entidades como o Centro Español de Lyss, que “desde hai décadas manteñen acendida a chama da galeguidade arredor do mundo, que difunden a nosa lingua e a nosa cultura e manteñen vivo o sentimento de pertenza e de orgullo por Galicia, a pesares da distancia” e destacou “a importante contribución da nosa emigración ao desenvolvemento e progreso de Galicia ao longo da historia, construíndo escolas e axudando a mellorar as condicións de vida nas súas vilas de orixe”.

O presidente da Deputación lembrou que a poboación galega “é emprendedora”, pero á vez sinte un grande arraigo pola súa terra. “Galicia é unha terra de emigrantes. Hai medio millón de galegos no exterior, que é case a metade da poboación da provincia da Coruña. Sen embargo, os galegos sentimos tamén un fondo un apego pola nosa terra. Non é casualidade que ‘morriña’ sexa unha palabra galega que se usa tamén en castelán”, apuntou.

Valentín González Formoso destacou tamén que a enorme presenza de galegos e galegas en Suíza (máis de 41.000, a metade deles procedentes da provincia da Coruña) converte ao país helvético na “quinta provincia en territorio europeo”. De feito, tan só en Suíza concéntranse na actualidade o 35% dos galegos e galegas que residen nalgún país de Europa que non sexa España.

Sinalou ademais que “os vínculos que nos conectan con Suíza son de ida e volta, porque os emigrantes aquí mantedes un contacto estreito e permanente coa vosa terra, unha pegada social, económica e cultural que se aprecia con forza en comarcas enteiras como Bergantiños e Costa da Morte ou en municipios como Cerceda e Santa Comba, cuxo alcalde nos acompaña esta noite”, afirmou.

Formoso felicitou aos socios do centro de Lyss “por 55 anos de compromiso con Galicia, de orgullo polas vosas raíces. Un sentimento que se traslada tamén ás novas xeracións de galegos nados en Suiza, aos que recibimos cos brazos abertos cando queiran vir ou regresar a Galicia”.

Pola súa banda, o alcalde de Santa Comba, Alberto Romar, destacou “a cariñosa acollida que recibín por parte de moitos veciños de Santa Comba na miña anterior visita a Lyss” e destacou “a unión existente entre toda a comunidade galega”.

Tanto Formoso como Romar ofreceron a colaboración da Deputación da Coruña e do Concello de Santa Comba naquelas cuestións que podan ser de interese para a comunidade galega en Suíza, como as cuestións relativas aos trámites burocráticos para as persoas que queran regresar a Galicia.

Encontros coa comunidade galega en Zúrich

Antes de regresar a Galicia, Formoso estará mañá domingo Zurich, onde visitará o Centro Cultural As Xeitosiñas para manter un encontro co presidente da entidade, José Gil, así como con outros destacados membros da comunidade galega nesta área do país.

Nas reunións abordaranse posibles de colaboración bilaterais no ámbito do emprendemento, o coñecemento e a innovación e a cultura, así como para potenciar os produtos agroalimentarios da provincia coruñesa en Suíza.

As Xeitosiñas é unha entidade que dende a súa fundación en 1981 promove a cultura tradicional galega en Zurich e organiza actividades culturais, deportivas e de encontro entre a comunidade galega. En 2019 recibiu a Medalla de Ouro do Parlamento de Galicia.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario