O PP esixirá ao Goberno de Sánchez dende distintas institucións a mellora da estrada nacional N-640 entre os termos municipais da Pastoriza -no lugar de Paraxes, onde se atopa o tramo en peor estado- e Meira para “garantir a seguridade e reducir o risco de accidentes”.
Con esta iniciativa trasladamos ás distintas cámaras “a preocupación dos veciños da zona e os usuarios da vía ante a situación de perigosidade”, especialmente no punto quilométrico 60 e as súas proximidades; segundo explica a deputada autonómica do Grupo Popular, Nicole Grueira acompañada polos deputados nacionais Jaime De Olano e Francisco Conde que tamén levarán a reivindicación ao Congreso, o alcalde e o tenente de alcalde da Pastoriza, concelleiros do PP de Meira e veciños da zona.
Grueira vén de rexistrar unha Proposición Non de Lei para o seu debate na Comisión de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos coa que reclamar ao Goberno de España, como titular da vía, iniciar as obras de mellora “con carácter urxente”. Os populares tamén levarán este asunto ao Congreso dos Deputados e ao Senado.
Actualmente, este tramo da principal arteria de comunicación coa capital da provincia, coa Mariña oriental e Asturias atópase nun estado “moi deficiente”, con pavimento deteriorado e sen alumeado, o que “imposibilita unha circulación segura e normal”. De feito, “ao longo do tempo, producíronse numerosos sinistros, moitos deles con finais tráxicos”.
MANTEMENTO DA REDE VIARIA ESTATAL
Os populares instan tamén ao Goberno de España a “manter a rede viaria estatal na nosa provincia en boas condicións, asegurando que se dispoña dun pavimento axeitado, sinalización visible e alumeado suficiente para favorecer unha circulación segura e fluída”.