O PP pide á Deputación de Lugo a recuperación do proxecto da vía turística que une Paradela e O Saviñao

por Redacción Lugo

Antonio Ameijide recorda que este proxecto xa se iniciou no ano 2003, cun goberno de Francisco Cacharro á fronte, pero que coa chegada de PSOE e BNG á Deputación en 2007 e co bipartito na Xunta de Galicia o proxecto quedou sen finalizar

O turismo é un dos principais sectores económicos da provincia de Lugo debido ao inmenso patrimonio natural, paisaxístico, arqueolóxico, arquitectónico, histórico, cultural e social do seu territorio. Un potencial que hai que saber aproveitar dende a Deputación de Lugo, ben sexa de xeito directo ou colaborando cos concellos para que poidan sacar o máximo rendemento a este potencial.

Por este motivo, o voceiro popular, Antonio Ameijide, explica que se defenderá no pleno do martes unha iniciativa para que o equipo de goberno impulse a construción e continuación da LU-P-4206 para conectar os concellos de Paradela e O Saviñao cunha vía turística e de conexión territorial que percorra a beira do río Miño poñendo en valor a zona e, polo tanto, constituíndo un atractivo turístico máis da Ribeira Sacra.

A Ribeira Sacra xa está consolidada como destino preferente entre os turistas que visitan a nosa provincia e, polo tanto, constitúe un motor económico importante para os municipios da zona sur bañados polo Miño e o Sil. “A ocupación nesta zona da provincia revela o crecente interese dos visitantes pola Ribeira Sacra ao alcanzar o 90% o pasado mes de agosto, segundo os datos do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra”, recordou.

Na provincia hai moitas zonas que son atractivas para os turistas, como A Mariña ou a Montaña, pero non é menos certo que na actualidade a Ribeira Sacra constitúe un importante atractivo turístico e, polo tanto, “unha oportunidade para o desenvolvemento social e económico da zona a través da creación de empresas e postos de traballo nos municipios do rural que favorezan o asentamento da poboación, para o que é preciso contar con servizos e infraestruturas públicas que faciliten a mobilidade e o transporte”.

Este proxecto que defenderán os deputados do Grupo Provincial Popular no pleno do martes xa tivo unha férrea defensa durante os mandatos de Francisco Cacharro na Deputación de Lugo, motivo polo que, “comprometido co desenvolvemento e a vertebración do territorio apostou polo impulso e construción dunha estrada á beira do río Miño con fins claramente turísticos e de conexión territorial entre os municipios de Paradela e O Saviñao, pasando por varios núcleos de poboación e distintos miradoiros situados na ribeira do río Miño”, que será outro filón turístico para a Ribeira Sacra.

Entre 2003 e 2005 desenvolvéronse diferentes actuacións enmarcadas no P.O.L (Plan Operativo Local) que permitiron a construción de 3,920 quilómetros da LU-P-4206, en Paradela —dende a LU-633 no Loio ata o lugar da Adega— treito que formaba parte da primeira fase do proxecto, que estaba previsto que chegase ata San Facundo, onde a Deputación de Lugo conta cun embarcadoiro e, posteriormente, ao Saviñao.

Pero trala chegada ao goberno provincial de PSOE e BNG en 2007 e a paralización das obras en 2008 por parte de Patrimonio (na época do bipartito na Xunta de Galicia) a 400 metros do mosteiro de San Facundo de Ribas de Miño, o proxecto quedou inconcluso tendo como consecuencia limitacións para o desenvolvemento desta zona e perdendo unha oportunidade turística.

A Deputación de Lugo, dende as súas competencias, pode contribuír ao desenvolvemento turístico da Ribeira Sacra e dos concellos que a forman impulsando a construción da estrada LU-P-4206, dando continuidade a un proxecto ambicioso que una os municipios de Paradela e O Saviñao a través desta vía de enfoque turístico que, bordeando o Miño e pasando por miradoiros, constitúa un atractivo máis para esta zona da Ribeira Sacra e contribúa ao desenvolvemento do sector turístico, á creación de empresas e de postos de traballo.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario