Bieito Romero, embaixador da Costa da Morte

por Redacción A Coruña

A Xunta Directiva da CMAT acordou entregar este recoñecemento durante a IV edición do Encontro de Turismo da Costa da Morte 

Bieito Romero Copo, membro fundador do mítico grupo Luar na Lubre, recibirá o próximo 12 de novembro a distinción de Embaixador da Costa da Morte. Este premio entregarase durante a celebración do IV Encontro Anual de Turismo da Costa da Morte organizado por Costa da Morte Asociación Turística (CMAT) e recoñece o papel de diferentes personalidades no desenvolvemento da Costa da Morte. 

Luar na Lubre e a Costa da Morte

A dilatada traxectoria nacional e internacional do grupo Luar na Lubre está fortemente vinculada coa Costa da Morte, tanto pola cantidade de cancións dedicadas nos 38 anos de carreira como polo relato que Bieito Romero transmite nos seus concertos. A súa traxectoria vital está moi vencellada co territorio. Estes, entre outros, foron os principais argumentos polos que a Xunta Directiva da CMAT decidiu outorgarlle este recoñecemento.

Entre os temas máis destacados de Luar na Lubre, hai referencias directas a localidades da Costa da Morte. Son ben coñecidas pezas como “Fisterra”, “Camiño de Caión”, “Mártiros e o Vákner” ou “Camariñas”, esta última versionada tamén por múltiples artistas de gran recoñecemento como Julie Fowlis ou Luz Casal. Tamén gravaron o seu videoclip “The Sailors Hornpipe / Pasacorreidoras” en Muxía.

Música que pon á Costa da Morte no mundo

Moitos dos seus concertos son fóra do territorio de Galicia. Falamos dun grupo con recoñecemento internacional, o cal é unha oportunidade para poñer en valor a riqueza do territorio que destacan nas súas pezas musicais. Segundo a directiva da CMAT, moitas persoas chegaron a coñecer algúns lugares da Costa da Morte pola música de Luar na Lubre.

O IV Encontro Anual de Turismo da Costa da Morte

O martes 12 de novembro ás 18:00, a CMAT organiza no Pazo de Trasariz (Vimianzo) o IV Encontro de Turismo da Costa da Morte. Un evento anual cuxo obxectivo é o intercambio de experiencias entre os actores implicados no desenvolvemento económico , social e turistico da Costa da Morte.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario