Plataformas de toda a península celebran en Touro o terceiro Encontro contra os impactos sociais e ambientais da minería

por Redacción Galicia

No Encontro, organizado por Ecoloxistas en Acción coa colaboración do Observatorio Ibérico da Minería, Amigos da Terra e a plataforma veciñal Mina O Pino – Touro Non, participarán máis de medio centenar de representantes de numerosas plataformas de toda a península ibérica que loitan nos seus territorios contra os graves impactos do extractivismo mineiro

Touro foi a localidade escollida para celebrar o terceiro Encontro ibérico sobre os impactos sociais e ambientais da minería. O Encontro está organizado por Ecoloxistas en Acción coa colaboración do Observatorio Ibérico da Minería, Amigos da Terra e a plataforma veciñal Mina O Pino – Touro Non. Trátase da terceira edición deste espazo de reflexión, aprendizaxe e convivencia no que participarán máis de medio centenar de representantes de distintos movementos, plataformas e colectivos implicados na resistencia a proxectos mineiros en España e Portugal.

Durante tres días, do 1 ao 3 de novembro, os colectivos farán unha posta en común dunha situación apremiante e elaborarán estratexias de coordinación e apoio mutuo. Tamén se celebrarán distintos talleres de formación, charlas e debates sobre estratexias de defensa do medio ambiente e alternativas á minería. Presentarase o proxecto de creación dun Foro internacional contra o extractivismo, ao que xa se están sumando organizacións de varios continentes. Por último, expoñeranse os avances do Observatorio Ibérico da Minería, un proxecto apoiado polo Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030, que mapea as malas prácticas do sector e que conta xa con máis de 100 casos documentados.

A localidade galega de Touro acolle este terceiro encontro por ser unha zona xa moi degradada pola actividade mineira na que pretenden reabrir un proxecto mineiro que consideran calcado ao proxecto anterior que foi denegado en 2020 cunha declaración de impacto ambiental negativa polos seus previsibles impactos sobre o sistema fluvial do río Ulla.

Unha reapertura da explotación mineira que agora conta coa recente declaración de Proxecto de Interese Estratéxico por parte da Xunta de Galicia, a pesar de que, como sinala Ecoloxistas en Acción, lonxe de emendar o proxecto anterior, Atalaia Mining e a súa filial Cobre San Rafael volven poñer sobre a mesa unha enorme balsa de 23 millóns de metros cúbicos de residuos tóxicos con 1,6 km de lonxitude e unha altura similar á da Catedral de Santiago.

Ecoloxistas en Acción denuncia ademais que o depósito de residuos da mina de Touro estaría a menos de 500 metros do núcleo de poboación Arinteiro cuxa poboación sería aniquilada en caso dun accidente. De feito, sinalan que a instalación proposta sería ilegal en países como Brasil, Ecuador ou China.

Por iso, anuncian que coa realización do Encontro en Touro queren apoiar e alentar  á plataforma veciñal que trata de impedir a fraude que supón declarar como proxecto industrial estratéxico unha proposta que xa foi declarada ambientalmente inviable. Alertan que a declaración como proxecto estratéxico supón reducir á metade os prazos da tramitación, a non suxeición aos títulos habilitantes urbanísticos, a declaración de interese social a efectos expropiatorios e a concesión de subvencións sen concorrencia competitiva, co que se pretende unha tramitación exprés que impida a participación pública e que os organismos sectoriais non dispoñan de tempo suficiente para emitir os seus informes.

“O que sucede en Touro, e en Galicia en xeral coa minería, repítese ao longo da xeografía española e portuguesa, sobre todo nos territorios que a minería decidiu converter en zona de sacrificio. Sempre nos atopamos cunha forma de operar do sector totalmente irresponsable co medio ambiente, buscando aforrar en medidas de seguridade e restauración para engordar os beneficios. O peor é que isto o conseguen moitas veces grazas á permisividade dunhas administracións que se esquecen da súa obrigación de protexer a contorna natural e aos seus habitantes”, denuncia Cristóbal López, portavoz de Ecoloxistas en Acción.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario