Comunicado de Ecoloxistas en Acción ante a criminalización da protesta 

por Redacción Galicia

Ecoloxistas en Acción rexeita que 6 dos seus activistas fosen condenados por «coaccións leves» polo mero feito de querer entregar unhas botellas de agua contaminada na Cámara Oficial Mineira de Galicia.

O xulgado de Coruña ven de condenar a 6 activistas de Ecoloxistas en Acción polo mero feito de querer entregar dúas botellas de auga contaminada procedente das minas de Touro e San Finx na Cámara Oficial Mineira de Galicia, organismo consultivo da Consellería de Economía e Industria da Xunta. A xuíza considerou que o simple feito de que as activistas se personaran nas dependencias é constitutivo dun delito de coaccións leves, a pesar de que o acto foi totalmente pacífico.

De pouco serviu que quedase acreditado que non houbo violencia, nin física nin verbal, que os activistas solicitaron permiso previo para acceder á sede da corporación de dereito público e que apenas 2 minutos despois sairon das dependencias cando así se lles pediu. A xuíza entendeu que é suficiente para condenar por coaccións que a directora da Cámara Mineira manifestase que ela se sentiu «intimidada’ pola presenza das activistas, argumentando que as pancartas nas que se denunciaba a contaminación podían ser utilizadas como arma e que as mostras de auga das minas podían conter un ácido corrosivo.

Para Ecoloxistas en Acción a sentenza busca dar un «escarmento» ao ecoloxismo galego por atreverse a cuestionar as mentiras do lobby mineiro. A sentenza non é firme e a organización ecoloxista agarda revertila coa súa apelación á Audiencia Provincial, pero non lamentan o pago da multa de máis de 1400 euros, xa que dan por ben empregado o seu diñeiro ante unha acción que permitiu desenmascarar as mentiras da Cámara Mineira e o seu negacionismo ante os graves impactos ambientais que causa a minaría contaminante en Galicia.

Coa entrega das botellas, Ecoloxistas en Acción saira ao paso das declaracións públicas da Cámara nas que se afirmaba que «nunca houbo problemas coa calidade das augas» en San Finx e que todo era unha invención dos ecoloxistas, a pesar de que as analíticas máis recentes revelan niveis de cadmio, substancia tóxica e canceríxena, 100 veces por encima do nivel máximo que permite a lexislación. Esas mesmas analíticas levaron a un procedemento sancionador contra a mina, resolto o pasado mes de febreiro cunha sanción de 180.000 euros por verteduras ilegais. 

A protesta popular pacífica contra os abusos de poder, non só é un dereito, senón que a veces é o único xeito de denunciar os abusos e ilegalidades ambientais. Para Ecoloxistas en Acción é moi preocupante a vaga de criminalización da protesta pacífica que está acontecendo desde distintas instancias xudiciais e policías ao que se suman o uso cada vez máis recurrente de demandas estratéxicas contra a participación pública (SLAPP nas súas siglas en inglés), ata o punto de que a Comisión Europea está tramitando unha nova directiva para porlles freo. Unha situación que a organización ecoloxista ten posto en coñecemento da Relatora Especial das Nacións Unidas sobre as defensoras dos dereitos humanos, quen xa ten aberto un expediente ao Estado español e que, ademais,  mostrou a súa preocupación pola denuncia da Cámara Mineira o pasado mes de xaneiro.

Ecoloxistas en Acción e as súas activistas agradecen todas as mostras de apoio doutras organizacións ecoloxistas e sociais e deixan claro que nada as deterá no seu deber de actuar para conservar a natureza e o dereitos de todas as galegas de gozar dun ambiente adecuado. 

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario