O grupo municipal socialista de Arteixo pedirá explicacións ao goberno local sobre a “incidencia grave” que provocou os cortes de auga no terceiro fin de semana de outubro.
Esa “incidencia grave” na rede de abastecemento causou o vaciado dun depósito que subministra dende Sobrado e deixou sin auga á veciñanza de Pastoriza, Solymar e parte do núcleo de Arteixo.
O portavoz socialista, Martín Seco, manifesta que “dende o concello se deron poucas explicacións, só se falou dunha avaría “grave” no sistema de abastecemento” que provocou que o depósito quedase sen auga que bombear, “pero descoñecemos cal foi esa avaría tan grave e porque se tardou tanto en reaccionar ante dito baleirado”.
Por outra banda, o voceiro socialista indica que o persoal de SUMARTE asignado ao servizo de abastecemento e recollida de augas denunciou hai poucas datas ante a inspección de traballo que a dirección da empresa SUMARTE se nega a sentarse a negociar cuestións como a xornada laboral, pese a solicitalo en dúas ocasións en xullo e setembro.
“No seu día se municipalizou o servizo de augas para darlle unha mellor calidade á veciñanza e abaratar o custe dos recibos, pero neste pleno os prezos volven subir e a calidade da auga que reciben os veciños non mellorou “ explica Seco que engade que tampouco mellorou a atención ás incidencias e ás obras que seguen a facer empresas contratistas pese a ter o antigo persoal de AUGARSA a disposición, “polo que existe unha mala organización e xestión da que debera dar contas o goberno local.”
Por todo isto, o Grupo Socialista no Concello de Arteixo rpeguntará no pleno cal foi a avaría tan grave que sucedeu na rede de subministro que deixou sen auga ao depósito de Sobrado e cal foi o motivo de que se actuase tan tarde para deixar á veciñanza de Pastoriza sen auga. Ademais os socialistas demandan saber que está a pasar para que a dirección da empresa SUMARTE non se reúna cos representantes dos traballadores/as pese a pedilo en dúas ocasións e cales son as reivindicacións dos representantes dos traballadores/as.