A Universidade da Coruña e a Asemblea de Cooperación pola Paz en Galicia organizan a xornada “Aproximación ao conflito e procesos de construción de paz en Palestina e o Sahel”

por Redacción A Coruña

Durante o evento abordarase o conflito palestino desde unha perspectiva interdisciplinar, ademais de poñer o foco noutros conflitos que non teñen tanta atención mediática.

A Asemblea de Cooperación pola Paz en Galicia (ACPP Galicia) e a Universidade da Coruña, a través da Oficina de Cooperación e Voluntariado (OCV), organizan a xornada “Aproximación ao conflito e procesos de construción de paz en Palestina e o Sahel”, que terá lugar mañá xoves, día 31 de outubro, a partir das 09:00 horas da mañá no salón de actos da Facultade de Ciencias da Educación do Campus de Elviña. 

Durante as cinco horas de duración da xornada, proponse indagar sobre o conflito en Palestina, ofrecendo unha visión interdisciplinar e global do mesmo, que non estea centrada unicamente nos acontecementos derivados da situación actual, senón no contexto histórico e xeopolítico, facendo fincapé nas obrigas desatendidas da comunidade internacional para co pobo palestino no marco do Dereito Internacional Humanitario. 

Ademais, poñerase tamén o foco sobre outros conflitos que non están actualmente no primeiro plano mediático, pero cuxa idiosincrasia e contextos revelan importantes implicacións e necesidades humanitarias. Concluiranse as xornadas coa exposición de experiencias concretas de construción de paz e procura de xustiza.

O relatorio inaugural será a cargo de Jesús A. Núñez Villaverde, codirector do Instituto de Estudios sobre Conflictos y Acción Humanitaria (IECAH) baixo o título “La construcción de la paz: Palestina y Sahel como ejemploscontrovertidos”. A seguir, un panel para seguir achegando a situación en Palestina con Amaia Camacho, responsable do equipo de Oriente Medio de ACPP; Felipe Noya, cirurxián e traumatólogo de Médicos do Mundo; e desde a organización palestina The Psychosocial Counseling Center for Women(PSCCW), Khawla Al-Azraq. 

Despois do descanso de media mañá, Iván Navarro, investigador da Escola de Cultura de Pau da Universidade Autónoma de Barcelona e especialista en estudos africanos, achegaranos á crise multidimensional no Sahel. Continuará profundando no caso concreto de Níxer Issoufou Soumana, presidente da ONG nixeriana DIKO. Finalizarase cun panel de experiencia de construción de paz contando con Mar Rodríguez Romero, profesora da Universidade da Coruña e integrante da Rede Universitaria por Palestina e da Comisión por Palestina da UDC; e con Hala Morrar  da entidade palestina Head of Development andCommunications Unit, REFORM. 

A xornada conta con 200 prazas con preferencia para a comunidade universitaria, seguido de persoas socias de ACPP, con relación laboral ou de voluntariado con algunha ONGD e, finalmente, calquera persoa interesada na temática.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario