Ecoloxistas en Acción denuncia a falta de carrís bici nas principais avenidas da cidade da Coruña

por Redacción A Coruña

Do 16 ao 22 de setembro celébrase a semana europea da mobilidade. Un evento que busca sensibilizar sobre os beneficios para a saúde e o medio ambiente que supón o uso de transportes sostibles como son bus, tren, a bicicleta ou mesmo camiñar.

Ecoloxistas en Acción A Coruña lamenta a escasa infrastructura dispoñible para moverse coa bicicleta da que dispón a cidade da Coruña. Se ben nos últimos anos apostouse pola implantación de máis estacións de bicicletas públicas, que o colectivo celebra e que segundo o concello fixo que aumentansen os usuarios no último ano, o investimento para dotar á cidade de vías de circulación axeitadas para a bici quédase curto.

Sinalan que moitas das grandes arterias da cidade, como Alfonso Molina, Ronda de Outeiro, Avenida de Arteixo ou a Avenida de Oza, que compre que sexan o eixo principal de comunicación coa bici, ou ben non contan cun carril adicado exclusivamente á ela que protexa aos ciclistas, ou soamente con algúns tramos que se descontinuan e deixan aos usuarios e usuarias das bicicletas expostas a choques cos coches. «Se unha persoa non pode facer o percorrido completo en bici, por medo a ser embestida por un coche nos tramos sen un carril bici exclusivo, simplemente non vai usala» indica Eloy Pérez, voceiro do grupo de A Coruña de Ecoloxistas en Acción.

Ademais consideran que dar prioridade ó coche sobre o transporte sostible tradúcese nunha cidade soamente adaptada ás necesidades das persoas con máis poder adquisitivo, que poden facer fronte sen dificultade ao aumento dos prezos dos vehículos e combustible que se está vendo nos últimos tempos. A organización indica que estes custos seguirán aumentando no futuro debido as cada vez maiores dificultades para a extracción de petróleo, e o inasumible precio dos coches eléctricos, deixando nunha situación máis precaria á maior parte da cidadanía de seguirmos apostando polo transporte privado.

Por outra banda, o colectivo tamén lamenta que o concello tome medidas na dirección oposta, como a ampliación da Avenida Alfonso Molina, que aumenta a dependencia dos combustibles fósiles. A redución do tráfico, argumentan, ten que pasar polo aumento da capacidade do transporte público. Isto permite a mobilidade dun maior número de xente de maneira máis sostible, e evita que as persoas se vexan na obliga de mercar un vehículo privado para satisfacer as súas necesidades de mobilidade diarias na área metropolitana.

Ecoloxistas en Acción defende que o obxetivo debe ser converter a bicicleta no medio de transporte principal dos veciños e veciñas, tomando como referencia cidades como Amsterdam ou París. Un modelo no que a bicicleta prime sobre o coche proporciona moitos beneficios á cidadanía. Facilita os desprazamentos, evitando atascos innecesarios, incrementa a saúde da poboación, tanto polo exercicio físico como pola diminución de ruídos e gases nocivos, e reduce os grandes gastos asociados ao mantemento dun coche privado e o seu combustible

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario