O investimento alcanzou os 85.000 euros a cofinanciar entre o Concello e Turismo de Galicia.
Concluíron as obras da segunda fase da mellora dos elementos de protección do paseo marítimo de Caión e o espazo peonil volveu a abrirse para o seu uso e desfrute por parte da cidadanía.
Esta intervención afectou a un tramo de 180 metros da balaustrada de madeira desde o acceso á praia do Caracoleiro en dirección á entrada principal á praia das Salseiras.
As obras deron continuidade, por presentar características idénticas, á primeira fase executada a principios de ano nunha actuación que fora posta de exemplo polo Centro de Innovación e Servizos Tecnolóxicos da Madeira de Galicia (CIS Madeira) polo seu deseño integrador e o emprego da madeira de castaño como material de construción sostible e esteticamente axeitado á contorna do paseo marítimo.
O Concello e Turismo de Galicia -no marco da liña de axudas para actuacións de embelecemento do litoral galego do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-Next Generation- investiron 85.000 euros nesta segunda fase do proxecto dirixido a aumentar a seguridade no paseo marítimo e revitalizalo como destino turístico.