Arteixo Futuro ven de demandar un maior apoio por parte das administración públicas ao tecido comercial de proximidade do municipio, con propostas como pode ser a creación dunha aplicación móvil para facilitar a fidelización e mesmo o comercio electrónico.
A plataforma sinala que o contexto é moi complexo: grandes empresas arramplan cunha parte cada vez máis importante das compras da veciñanza, ben por prezos, ofertas ou promocións imposibles para as tendas de Arteixo polo volume, a inxente capacidade de mercadotecnia en diferentes plataformas e a facilidade: ter a adquisición na casa en moi pouco tempo.
Isto pode facer que parte das empresas arteixás desaparezan e por iso Arteixo Futuro considera que unha APP capaz de xerar unha “praza de venta” dos comercios, centralizando pedidos e mellorando tempos de servizo tamén para o comercio electrónico, pode ser un impulso necesario.
A falta de dixitalización ou adaptación ao actual movemento comercial nas redes é outra das eivas que debe corrixirse a partires de formacións directas e sinxelas, que correspondería ao Concello activar de xeito regular, cunha programación estable durante todo o ano.
Tamén a maiores consideran dende o think tank local que se poderían desenvolver algunhas bonificacións. Por exemplo, evitar o pago do IBI ou da taxa de lixo no primeiro ano ou nos primeiros meses de apertura dun negocio a pé de rúa ou facilitar a chegada de persoas traballadoras que queiran crear unha pequena empresa ofrecendo unha bolsa de baixos e locais baleiros a prezos axeitados.
Non é a primeira vez que Arteixo Futuro pon sobre a mesa propostas para o pequeno comercio. En maio do pasado ano lanzou a iniciativa dunha tarxeta dixital “MERCARTEIXO” na cal plantexaba un investimento directo do Concello para sufragar unha porcentaxe de cada compra, como os “bonos comercio” que organiza a Xunta de Galicia.