A Deputación da Coruña leva este mes a pleno a subvención de 750.000 euros ao Concello de Ferrol para financiar as obras do alumeado do estadio da Malata

por 21 Noticias

O proxecto e a documentación remitida polo Concello conta con informes favorables, polo que o convenio será sometido á aprobación do pleno ordinario de novembro 

. A Deputación da Coruña levará ao pleno ordinario do mes de novembro o convenio co Concello de Ferrol para cofinanciar as obras de renovación do alumeado do estadio municipal da Malata, que ascenden a preto de 1,5 millóns de euros, dos que a institución provincial financiará o 50%, 750.000 euros.

Apenas 48 horas despois de recibir o proxecto e a documentación coas subsanacións requiridas pola Deputación ao Concello de Ferrol, o servizo de Asistencia a Municipios da institución provincial emitiu o seu informe favorable e aprobouse na Xunta de Goberno do pasado xoves a incorporación da subvención para o alumeado do estadio da Malata ao Plan Estratéxico de Subvencións, no que supón o derradeiro paso administrativo para levar o convenio á comisión e ao pleno para a súa aprobación definitiva.

Así, prevese que o pleno de novembro dará luz verde definitiva ao convenio co Concello de Ferrol para financiar a renovación integral do alumeado do estadio municipal da Malata, que data de 1993 e actualmente non cumpre cos requisitos que impón a normativa de LaLiga de Fútbol para os partidos da segunda división.

O presidente provincial, Valentín González Formoso, destacou «o apoio continuo» que a Deputación vén prestando ao Racing de Ferrol, con investimentos como este, que permitirá solucionar unha importante eiva do estadio municipal ferrolán e que se suma ao medio millón investido nos últimos anos na reforma da grada norte da Malata e aos 150.000 euros cos que a institución provincial apoia ao equipo para promocionar Ferrol e a provincia da Coruña como destino turístico en toda España, unha cantidade que a Deputación planea incrementar nos orzamentos de 2025.

Novo sistema de alumeado

O novo alumeado da Malata estará baseado en tecnoloxía LED e cumprirá todos os requerimentos esixidos por LaLiga EA Sports en HD (primeira categoría do fútbol profesional) conforme ao establecido no regulamento para a retransmisión televisiva dos partidos.

En cada unha das catro torres, que se someterán a un exhaustivo proceso de revisión, limpeza da estrutura e tratamento anticorrosión, instalaranse 27 proxectores, dispoñendo ademáis outros 120 repartidos no aleiro da cuberta (50 en tribuna, 50 en preferencia, 10 no fondo sur e dez no fondo norte) . Comporanse de dous tipos de luminarias e sete tipos de ópticas.

O sistema de alumeado incorpora un sistema de control centralizado DMX que permite a regularización e monitorización do sistema, así como a implementación de espectáculos de luces. Tamén se instalará un grupo electróxeno que proporcionará o subministro de reserva para os sistemas de retransmisión televisiva e e alumeado do estadio en caso de fallo no subministro eléctrico.

Finalmente, susbtituirase o actual sistema de pararraios de cada unha das catro torres por un novo sistema con tecnoloxía de verificación a distancia e sistema de protección 3.

Unha vez aprobado e asinado o convenio de colaboración, o Concello de Ferrol encargarase de licitar e executar as obras, que teñen un prazo de execución de dous meses e medio.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario