A Deputación da Coruña celebra este sábado en Noia o Día Internacional da Muller no Sector Marítimo

A institución provincial organiza no Coliseo Noela, coa colaboración de ANMUPESCA, unha xornada para visibilizar e reivindicar o papel das mulleres no sector do mar.

A Deputación da Coruña celebra este sábado 16 de maio en Noia o Día Internacional da Muller no Sector Marítimo na provincia, unha xornada que ten como obxectivo visibilizar e reivindicar o papel das mulleres no conxunto no sector da pesca, o marisqueo e cadea mar-industria.

O acto terá lugar no Coliseo Noela de Noia, en horario de 11:00 a 14:00 horas, e contará coa asistencia do presidente da Deputación, Valentín González Formoso, que clausurará o acto, a deputada de Mar e Medio Rural, Cristina Capelán, o alcalde Noia, Francisco Pérez e presidente de ANMUPESCA, Pilar Otero, así como representantes das mulleres do mar de Galicia.

A xornada está organizada pola Deputación da Coruña e coordinada por ANMUPESCA, nunha aposta conxunta por recoñecer a contribución decisiva, aínda que moitas veces invisble, das mulleres ao sector marítimo-pesqueiro desde unha perspectiva ampla e conectada coa realidade actual do mar.

Trátase da primeira vez que esta data se conmemora a nivel provincial na Coruña, un territorio profundamente ligado ao mar e no que a presenza das mulleres resulta decisiva en numerosos ámbitos da actividade pesqueira.

Segundo o Mapa das Mullres na Pesca elaborado por ANMUPESCA para a Deputación da Coruña co obxectivo de “radiografiar” a presenza feminina no sector, máis de 6.000 mulleres desenvolven a súa actividade profesional nos distintos eslabóns da cadea de valor do sector. Esta cifra dá conta da dimensión económica, social e territorial da súa achega e converte a provincia nun espazo especialmente significativo para acoller unha conmemoración destas características.

Tras a apertura institucional, a xornada contará cunha mesa redonda titulada “Mulleres no mar: pasado, presente e futuro”, na que mariscadoras, redeiras, traballadoras da industria transformadora e das confrarías ou investigadoras relacionadas co sector do mar exporán os seus puntos de vista sobre a situación actual e os retos de futuro que a muller ten no mundo do mar e a pesca. 

O acto rematará cunha entrega de galardóns na que se recoñecerá a distintas mulleres ou colectivos pola súa traxectoria profesional ou a súa contribución – desde diferentes ámbitos- a visibilizar ás mulleres do mar de Galicia. 

Comparte éste artículo
No hay comentarios