O Ineltrón Santo Domingo Betanzos non pode coa tensión defensiva do Obra.

por 21 Noticias

Os betanceiros, con 27 balóns perdidos, fan un dos seus peores partidos en meses

Visitaba o Carregal un Obradoiro de circunstancias, con varios júnior no róster, e o equipo de Betanzos, no canto de tirar proveito, sufriu o empuxe dun equipo novo cheo de ganas, que logrou forzar

-deméritos dos locais á marxe- ata 27 perdas de balón. Partido igualado con todo ata o descanso, cun Santo Domingo que puido aproveitar varias ocasións para irse arriba, e un Obradoiro que logrou marchar ao vestiario 6 puntos arriba máis por fallos dos de Doc ca por acertos propios.

Porén -a maldición dos 3Q do Santo!- os santiagueses saíron a por todas á volta do descanso e un Ineltrón completamente apático viu coma o rival, liderado polo arxentino Bocca e o compostelán Harguindey, lograban acadar unha diferenza de +22. O último período logrou que o público local albergase unha mínima esperanza de ver un partido competido cando a defensa local conseguiu fiar algúns ataques efectivos, e, para a sorpresa de moitos, os de Doc, cunha canastra dun combativo Latas, lograron poñerse a 8 puntos (63-71) a falta de case 5 minutos. Porén o fallo en tiros libres (0 de 6 nos últimos minutos) e o arranque de un Obradoiro que non quixo máis problemas, levaron ás augas ao rego e deron a vitoria a quen a mereceu: 69-84 para o Obradoiro.

Extraordinarios números de Brezo (25 puntos e 10 rebotes, 30 de valoración), boa contribución dos Sub22 Sanjurjo e Latas e ambivalentes sensacións cun Abelleira que sumou 12 puntos e quixo darlle o rirmo necesario ao partido pero que perdeu 7 balóns. No lado negativo, máis unha vez, ademais das perdas, unhas porcentaxes de tiro ben mellorables e unha fluidez en ataque que só existiu nas ganas de algúns xogadores.

Así viu o partido o adestrador dos betanceiros “Estivemos con pouco nivel de acerto e de intensidade na primeira parte pero mantivémonos no partido. Logo saímos moi mal no 3Q, sen ideas en ataque e sen intensidade en defensa e despois, xa co marcador moi desfavorable puxemos as pilas e logramos colapsar o seu ataque pero aínda así a falta de produtividade en ataque volveunos castigar. Temos que ser mellores a nivel colectivo para mellorar a nosa porcentaxe de acerto e que o rival non consiga correr tanto”.

Próxima semana, visita a Marín Peixe Galego.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario