Besteiro insta a Rueda a incluír nos Orzamentos da Xunta a memoria democrática porque “non hai reparación no esquecemento”

por Redacción Galicia

O secretario xeral do PSdeG trasladoulles unha mensaxe de “solidariedade e cariño” ás vítimas da catástrofe no Levante español e chamou a todas as forzas políticas a sumarse á condena de “actos violentos dirixidos pola ultradereita contra as institucións de España”.

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, visitou hoxe o cemiterio de Santa María do Val, en Narón, con motivo do reinicio dos traballos na fosa común na que repousan máis de medio centenar de vítimas do golpe de Estado de 1936 e da posterior represión. “Non hai reparación no esquecemento; a reparación está no coñecemento, na divulgación, no recordo”, asegurou o líder socialista xunto á zona na que hoxe comezaron as exhumacións.

Besteiro mostrou o compromiso do Partido Socialista coas iniciativas a prol da recuperación da memoria e da busca dos restos das persoas asasinadas, para entregarllos ás familias. Por ese motivo esixiulle ao Goberno de Rueda que nos Orzamentos da Xunta para o vindeiro ano inclúa unha partida “específica” para a memoria democrática. Eses fondos deberían sumarse “aos que xa achega o Estado todos os anos”, e que contribúen “non só á investigación e á recuperación de restos, senón tamén á divulgación, tan importante para que nunca máis cometamos os erros que xa cometemos no pasado”, afirmou.

Segundo os estudos preliminares, na fosa común do Val están enterradas, entre outras persoas, un bo número de integrantes da dotación do acorazado España, que permaneceron fieis á República, ademais de mariñeiros de outros barcos e veciños e veciñas da comarca ferrolá.

Con esa intervención, xunto coa que se vai desenvolver na fosa de Cabreira, en Salvaterra de Miño, completaranse en Galicia os traballos do primeiro Plan Cuadrienal de Memoria Democrática, posto en marcha polo Goberno central. Durante os últimos catro anos, o grupo de investigación Histagra, da USC, encabezou un traballo interdisciplinar que se desenvolveu en 11 das cen fosas que xa hai identificadas na comunidade.

Nese período de tempo, o Estado financiou con 435.000 euros as actividades relacionadas coa memoria democrática en Galicia. A iso súmase o compromiso de que a Universidade de Santiago liderará a elaboración dun censo de vítimas da Guerra Civil e da ditadura a nivel estatal, dado que a fórmula para a elaboración do censo galego xa se está a replicar noutros territorios debido á súa efectividade.

O Goberno socialista retomou o impulso ás políticas de recuperación da memoria logo de que o PP, con Rajoy en Madrid e Feijoo en Galicia, se dedicase a combater todos os avances acadados durante a presidencia de José Luis Rodríguez Zapatero. Mentres Rajoy presumía de que os seus Orzamentos asignaban cero euros á Lei de Memoria Histórica, Feijoo cancelaba convenios coas universidades, proxectos de investigación e calquera actividade relacionada coa memoria democrática.

A día de hoxe, non existe nas contas autonómicas ningunha partida para tales fins, e os fondos que o Estado lle achega á comunidade inclúense en capítulos destinados ao fomento da cultura.

Gratitude aos corpos de seguridade, ao Exército e aos servizos de emerxencias

Durante a súa visita ao cemiterio do Val, Besteiro tamén se referiu ás consecuencias da gota fría no Levante, especialmente na comunidade valenciana. Trasladoulles ás persoas que están padecendo a catástrofe “solidariedade, cariño e apoio”, ao mesmo tempo que expresou a súa gratitude ás forzas e corpos de seguridade do Estado, ao Exército e aos servizos de emerxencias da comunidade autónoma polo “enorme esforzo que están facendo”.

Por outra banda, condeou “os actos violentos dirixidos pola ultradereita contra as institucións de España”. Nese senso, instou a todas as forzas políticas a sumarse á repulsa a este tipo de ataques “contra a democracia” que se levan a cabo “aproveitando e xerando confusión”.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario