É un feito incuestionábel a ausencia e desatención da Historia de Galiza e das súas manifestacións culturais no sistema educativo, nos medios de comunicación públicos e na inmensa maioría dos privados, así como nos organismos dedicados a velar polo noso patrimonio artístico e natural. A Xunta de Galiza é a principal administración pública galega responsábel con capacidade para poñer fin a esta situación, cuxa desatención non fai máis que repercutir negativamente na conciencia social galega, en forma de ignorancia e falta de autoestima sobre o propio país.
Dentro desta desatención histórica e cultural é especialmente significativa a ignorancia, e mesmo desprezo, sobre a figura e a obra de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, ambas multifacéticas, de valor incuestionábel e moi representativas do mellor que deu Galiza na política, na arte e na literatura nunha etapa tan crucial da nosa historia como foi a primeira metade do século XX.
Da importancia simbólica de Castelao dá conta o feito de que os seus restos mortais fosen trasladados en xuño de 1984 desde o cemiterio da Chacarita en Buenos Aires, onde morrera no exilio en 1950, ao Panteón de Galegos Ilustres en San Domingos de Bonaval. O tempo demostrou cal era a verdadeira intención dos que, desde a institución autonómica, dirixían a operación: lexitimar o marco autonómico e facerlle un segundo enterro, que algúns quererían definitivo.
Desde 1986, en que se celebrou o centenario do seu nacemento por parte do Ministerio de Cultura e da Xunta de Galiza, a única lembranza oficial do seu nome é a utilización do mesmo para a concesión dunhas medallas que se entregan a diferentes persoeiros con carácter anual e que ocultan a falta de actuación real.
No ano 1999 o Parlamento de Galiza aprobou por unanimidade a declaración de toda a súa obra como Ben de Interese Cultural, mais a materialización desta medida anos máis tarde, a través da aprobación do Decreto 249/2011, do 23 de decembro, non ten suposto ningún avance real e efectivo no coñecemento da obra de Castelao, nin tampouco na permanencia da súa pegada entre as xeracións máis novas. E no ano 2015, máis de 11.000 sinaturas de galegas e galegos promovían unha Iniciativa Lexislativa Popular co obxecto de impulsar as actividades a desenvolver pola Xunta de Galiza para difundir e pór en valor a obra e a figura de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, que lamentabelmente non puido prosperar por carecer da maioría suficiente e necesaria de votos do Parlamento galego para tales efectos.
Agora, cando se compren 75 anos da morte de Castelao no exilio, a Xunta de Galiza declara institucionalmente “Ano Castelao” o 2025, con toda unha seria de actos e actividades, que, con todo, deberían ir alén do inicialmente programado e perdurar no tempo con clara vocación de permanencia, na medida en que é a única maneira de que se acabe, de unha vez por todas, co descoñecemento e coa ignorancia sobre a figura e a obra de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, que non deixan de ser a consecuencia natural de tantos anos de censura e ocultación.
Por todo isto, os miles de persoas asinantes desta Iniciativa Lexislativa Popular consideramos que chegou o momento de que todas e todos avancemos apostando por medidas estruturais e con consecuencias prácticas na promoción dun coñecemento real e efectivo da súa figura e da súa obra pola sociedade galega. Que, de unha vez por todas, poda ser contemplada debidamente toda a súa obra artística e coñecido todo o seu pensamento político de forma permanente. Que sexa de fácil acceso a súa obra literaria, tamén a ensaística de carácter político, tendo a debida presenza no sistema educativo. Que a historia de Galiza en xeral, e en particular, o período en que desenvolveu Castelao o seu labor, ocupe o lugar debido na formación escolar e académica. Que, sen máis dilacións, a Xunta de Galiza se preocupe decatalogar toda a obra de Castelao e establecer un plano de colaboración entreas distintas institucións e organismos, públicos e privados, que posúan obras,informacións ou obxectos persoais do noso grande político e artista coafinalidade de que podan ser coñecidas e contempladas en exposición pública e estábel, coas debidas garantías de protección e seguridade. Só así o pobogalego coñecerá e poderá xulgar por si mesmo o sentido e valor dunha figura e obra que por el foi motivada e que ten nel o seu principal destinatario.
A este fin responde esta proposición de Lei.
Artigo 1.
É obxecto da presente Lei impulsar as actividades a desenvolver pola Xuntade Galiza para difundir e pór en valor a obra e a figura de Alfonso DanielRodríguez Castelao.
Artigo 2.
A Xunta de Galiza realizará a catalogación de toda a obra, en todo tipo defacetas e xéneros, xa pertenza a fondos públicos ou privados, que teñan comoautor a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, para o seu coñecemento a través dunha base pública de datos dixital de acceso aberto e universal.
Artigo 3.
A Xunta de Galiza definirá un espazo museístico, de dimensións apropiadas econ características adecuadas, e realizará as xestións necesarias para expor neltoda a obra plástica de Castelao, de forma que poda ser contemplada na súa globalidade por persoas de Galiza e persoas foráneas, como un dos centros emblemáticos da cultura e da historia de Galiza, procurando para tales efectosos convenios ou acordos oportunos de cesión con todas aquelas persoas e entidades, públicas e privadas, que posúen en propiedade obra de Castelao.
Artigo 4.
A Xunta de Galiza, polo seu valor e simbolismo, emprenderá as xestiónsoportunas para que se adquira ou para que se ceda o cadro “A derradeiralección do mestre” e trasladalo desde Buenos Aires a Galiza para permanecerexposto, nas debidas condicións, xunto ao conxunto da súa obra, no espazomuseístico que se define no artigo anterior.
Artigo 5.
A Xunta de Galiza divulgará o coñecemento da multifacética obra de Castelao, por representar unha contribución artística, literaria, ideolóxica e política das máis ilustrativas e clarificadoras sobre Galiza e o seu futuro de cantas se produciron no século XX. Dun xeito singular:
1. Impulsará a introdución, a través das disposicións e instruciónspertinentes, no sistema educativo, de forma transversal, da obra deCastelao.
2. Asumirá o compromiso de espallala tamén a través dos mediosescritos e audiovisuais de titularidade pública ou subvencionados polaXunta.
3. Facilitará o acceso público e aberto a través da rede de internet a toda a súa obra dixitalizada para coñecemento e uso de todo o pobo galego.
4. Promoverá unha edición popular co máis destacado do pensamento político de Castelao, da súa obra literaria e artística, co obxecto de distribuíla, difundila e popularizala de forma masiva na sociedade galega.
Artigo 6.
A Xunta xestionará a sinalización, accesibilidade e promoción dos espazosrelacionados coa vida e obra de Castelao.
Disposicións finais
Primeira. Facúltase ao Consello da Xunta de Galiza para a adopción dasdisposicións regulamentarias e cantos acordos executivos sexan precisos parao cumprimento efectivo e desenvolvemento desta Lei
Segunda. A presente Lei entrará en vigor o mesmo día da súa publicación noDiario Oficial de Galiza.
RELACIÓN, POR ORDE ALFABÉTICA, DA COMISIÓN PROMOTORA DA LEI DE INICIATIVA LEXISLATIVA POPULAR SOBRE O DEREITO AO COÑECEMENTO E Á CONTEMPLACIÓN PERMANENTE DA MULTIFACÉTICA OBRA DE CASTELAO POLO POBO GALEGO.
Alberte Ansede Estravíz. Presidente da Fundación Manuel María
María Xosé Bravo San José. Presidenta da Asociación Cultural Alexandre Bóveda
Lucía Carreira Pérez. Presidenta da Asociación Cultural- Musical Solfa
Paulo Carril Vázquez. Secretario Xeral da CIG
Nicolasa Castro Monteiro. Membro da Coordenadora nacional de Vía Galega
Marta Dacosta Alonso. Escritora. Membro da directiva de AELG
María do Pilar García Negro. Profesora Universidade da Coruña e Escritora
Anxo Louzao Rodríguez. Coordenador de Vía Galega
Marcos Maceira Eiras. Presidente da Mesa pola Normalización Lingüística
María Antonia Pérez Rodríguez. Vicepresidenta de Galiza Cultura e presidenta da AC O Galo
Lucía Veciño Souto. Secretaria da Fundación Galiza Sempre