O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, clausurou hoxe a sétima edición do obradoiro de emprego Ricra, xunto cos alcaldes de Pantón, José Luis Álvarez, e O Saviñao, Carlos Armesto, e o concelleiro de Sober Iván Armesto, entre outros. A iniciativa foi financiada pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, e promovida polos citados concellos.
Arias explicou que este proxecto terá continuidade coa nova edición que tomará o relevo a principios de decembro. Cada unha forma a 20 persoas desempregadas en especialidades con demanda no mercado laboral, e entre ambas suman 943.000 euros de investimento.
O obradoiro que agora remata estivo dedicado ás especialidades de Repoboacións forestais e tratamentos silvícolas, con 13 alumnos, e Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións, con sete.
Os participantes reciben formación teórica e práctica ao tempo que traballan para as Administracións locais realizando obras e servizos de interese xeral; neste caso, axudando na residencia Nosa Señora do Carme de Sober e no Centro de día de Pantón, e realizando traballos de mellora en rutas de sendeirismo, camiños, áreas recreativas e outros espazos naturais dos tres municipios.
En total, encargáronse do mantemento de máis de medio cento de zonas verdes. Entre elas, a área de Maiorga, a ruta dos Fidalgos, a de Cibrisqueiros a San Cosmede ou a de Xan de Arteiro, en Pantón. No Saviñao atenderon o campo da festa de Currelos, a área recreativa da pista de tenis, ou os accesos ao campo de fútbol de Escairón e ás igrexas de Fión e Vilasante. En Sober, actuaron no contorno de dez miradoiros, 22 igrexas e cemiterios, o santuario de Cadeiras ou a ruta dos muíños dos Chancís.
A oitava edición do obradoiro manterá a especialidade de Repoboacións forestais e tratamento silvícolas, con seis alumnos, e incorporará a de Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes, con sete. Ademais, impartirá Traballos de carpintería e moble, que contará con outros sete participantes.
Javier Arias subliñou que os obradoiros de emprego son “unha valiosa ferramenta para que as persoas desempregadas poidan reciclarse en sectores con elevada demanda de traballadores e traballadoras, e tamén para reforzar os servizos e dotacións municipais”. Neste sentido, explicou que “realizan un labor que, en última instancia, beneficia aos veciños e veciñas dos municipios participantes”.