Remata unha nova edición do Gastronomic Fórum Barcelona, onde a Deputación contou cun stand propio no que promocionou a gastronomía local coa súa campaña «A provincia que sabe»
A área de turismo da Deputación despídese hoxe do Gastronomic Fórum Barcelona, onde estivo dende o luns promocionando a gastronomía da provincia coa súa campaña turística e gastronómica ‘A provincia que sabe’. Rematan, así, tres días nos que a entidade provincial puxo marcha máis de 20 actividades entre degustacións, presentacións, showcookings e charlas para poñer en valor os produtos locais e o sector da restauración da provincia.
«A participación nesta feira enmárcase na nosa estratexia de apoio aos pequenos produtores e produtoras da provincia para promocionar a súa materia prima e favorecerlle a presenza en mercados como este, de moi alto valor para eles» explicou o vicepresidente, Xosé Regueira. «Acompáñannos nesta feira este sector da produción de alimentos, moi ancorado no territorio e o da restauración que está facendo cousas moi interesantes, moitos deles xente moza que ademais está contribuíndo a asentar poboación no rural», engadiu.
Durante esta última xornada, os fogóns ocupounos o cociñeiro do Arrueiro, de Soesto (Laxe), Víctor Basante, acompañado da copropietaria, Luisa García Casal, que presentaron o proxecto e ofreceron un showcooking con produtos de temporada e quilómetro cero, «da lonxa de Laxe, que é moi pequena, e tamén da nosa horta», onde reflexaron a esencia do seu menú, par ao que empregan «peixes menos valorados, como a raia». Explicaron que Arrueiro «é como unha árbore con tres ramas: o aloxamento, as experiencias e a gastronomía», co propósito de «ir máis aló do desfrute, para acrroupar e nutrir ás persoas que nos visitan tanto fisica como emocionalmente». Agradeceron á Deputación a «oportunidade» de participar no Gastronómic Fórum Barcelona, e invitaron ao público a «visitar a Costa da Morte durante todo o ano»
Agradecemento ao que se sumaron todos os produtores locais que participaron na cita gastronómica: Costumes Empanadas de Galicia; Queixo Galmesán; Chichalovers; Bonilla a la vista; A Conserveira; Mariscos de Barallobre e Algas Mar de Ardora. Todos eles valoraron moi positivamente a súa participación neste foro, «é unha oportunidade moi grande para nós, e levámonos contactos moi interesantes», afirmaron.
«Estamos encantados de participar nunha edición máis do Gastronomic Fórum Barcelona, e máis vendo o éxito dos produtores e chefs que nos acompañaron que, ademais de encher de público todas as actividades que desenvolveron no noso stand, fixeron negocio e captaron oportunidades comerciais», sinalou Regueira.