O mércores 13, ás 19h, Amigas da Terra, Amnistía Internacional, Ecoloxistas en Acción e Greenpeace organizan un faladoiro sobre a relevancia das comunidades enerxéticas locais.
O faladoiro que terá lugar en Vigo, na sede da cooperativa de consumo Árbore, rúa López Mora 30, na que falarán Ana Freiría de Ecoloxistas en Acción, Raquel Fernández de Amigas da Terra, Bruno Dutto da CMVMC de Tameiga e José Eiras de Nosa Enerxía.
O modelo enerxético actual, en mans de grandes empresas, non só é inxusto coas persoas, senón que agrava a crise climática e enerxética. A continua subida do prezo da enerxía ao longo dos últimos anos é unha das principais causas da pobreza enerxética: oito millóns de fogares non poden manter as súas casas a unha temperatura adecuada. Con isto demóstrase que o acceso á enerxía, que debería ser un dereito fundamental, segue sendo un privilexio para uns poucos.
As comunidades enerxéticas permiten que a cidadanía produza, xestione e consuma a súa propia enerxía renovable sen necesidade de depender das multinacionais da enerxía. Isto tradúcese nun beneficio incalculable para a cidadanía: relocalizan o emprego, aumentan a resiliencia comunitaria fronte ás crise enerxética e climática, poden chegar a ser ferramentas de loita contra a pobreza enerxética e á súa vez rexeneran a economía social e solidaria local.
«Avanzar cara a unha transición enerxética baseada en enerxía limpa é un reto a todos os niveis e non podemos permitirnos deixar fóra a un axente crave como a cidadanía. Fomentar a enerxía renovable de forma descentralizada e democratizar o modelo enerxético é unha garantía para facer fronte á crise climática e non depender da especulación do mercado enerxético», sinalan desde as asociacións organizadoras do faladoiro.