O persoal de enfermaría, limpeza e camareiros con maior percorrido critica o fraccionamento de contratos en días soltos e a pasividade dos sindicatos.
O persoal laboral da Xunta de Galicia que presta servizo en residencias e Centros de Atención a Persoas con Discapacidade (CAPD), entre o que se atopan camareiros, persoal de limpeza e enfermaría, fixo público o seu malestar pola xestión das listas de contratación, advertindo que non descartan convocar manifestacións ante o que consideran unha «tomadura de pelo».
Segundo denuncian as traballadoras con maior antigüidade neste ámbito, a Administración está a ofertar contratos precarios mediante citacións electrónicas e telefónicas que carecen das garantías suficientes de transparencia. «Cando se poden unir xornadas e formar cadeas máis longas, optan por chamar para días soltos e con moita marxe de espera desde que se lanza a oferta ata que se comeza a traballar», explican.
Este procedemento, sinalan, prexudica directamente ás persoas situadas nos primeiros postos das listas, aquelas que contan con maior puntuación, xa que ao aceptar estes contratos curtos con tanta antelación perden a posibilidade de optar a mellores ofertas que poidan xurdir nese intervalo, tanto fóra do fondo de lista como antes de chegar a el.
Suspicións na adxudicación de vacantes e baixas
A maiores do fraccionamento dos contratos, o colectivo alerta de presuntas irregularidades na orde dos chamamentos. Segundo o seu testemuño, obsérvase que se están a deixar para o final cobertura de vacantes, comisións de servizo e mesmo baixas médicas, aínda que recoñecen que a opacidade do sistema actual lles impide obter probas documentais para demostralo.
As afectadas lamentan tamén a «pasividade dos sindicatos» ante unha problemática que aseguran levar tempo soportando. Diante desta situación, as traballadoras advirte de que a paciencia chegou ao seu límite e avanzan a súa disposición a saír á rúa para esixir transparencia e condicións dignas nas contratacións públicas.