Os Diplomáticos e a batalla que nunca rematou: 30 anos de Bravú. Por Jesús Suárez

@jsuarez02111977

Hai trinta anos, en Chantada, un feixe de galegos arremangouse e decidiu que chegara o momento de deixar de lado as caralladas. Eran os tempos do Bravú, e aquilo non ía de agradar nin de facer carreira. Eran rapaces e rapazas, si, pero sabían o que querían e o que non. Querían música, ruído e orgullo. Querían rock and roll en galego, e querían que a ninguén se lle esquecese de onde viñan. O 31 de outubro de 1994 plantaron bandeira: Chantada foi a trincheira, e o Bravú, a munición. Alí xuntáronse músicos de toda Galicia, e entre eles, dúas formacións que viñan coa morriña da Coruña e cos dentes afiados: Os Papaqueixos e Os Diplomáticos de Monte-Alto.

Porque aquilo non era para pijos nin para turistas. O Bravú non saíu dun despacho de márketing, nin de xente benintencionada que quería “defender as raíces”. Aquilo foi unha patada no estómago aos que dicían que en galego non se podía cantar rock. Foi un berro, cultural e sonoro, un puñetazo na mesa. O Bravú non pedía permiso, e quen non o entendese, que se apartase. Era rock con sabor a polvo, letras que cheiraban a campo e a cemento urbano. Era Galicia sen complexos, sen pedir perdón. Porque se alguén pensaba que o galego era para vellos e que en Galicia non había talento, aqueles tipos tiñan algo que dicirlle. E fixérono con guitarras e acordeóns.

Tres décadas despois, toca celebrar aquela afronta. O 22 de novembro, no Teatro Colón da Coruña, haberá festa da boa. Nada de cerimonias e discursos almibarados: será unha Gran Noite Coruñenta. Primeiro, Bravú XXX, un documental de Nós Televisión que lembrará por que os galegos nunca nos botamos atrás. Logo, a Orquestra Bravú Xangai, que se subirá ao escenario para asegurarse de que ninguén, nin na última fila, saia sen sentir o peso daqueles acordes. E, como aperitivo, maña, 13 de novembro, algúns dos primeiros Diplos, os fundadores Rómulo Sanjurjo, Pulpiño Viascón e Xurxo Souto, estarán na Biblioteca da Asociación Veciñal Atochas Monte-Alto, contando e cantando as historias daquela época. Porque un non esquece facilmente unha guerra cultural coma aquela.

Medre o Bravú. Porque aínda hoxe, nesta terra de néboas e montes, de mar e de almas duras como o granito, seguimos a precisar que alguén diga as cousas claras. Que non estamos aquí para agradar nin para pedir permiso, senón para vivir na nosa lingua e na nosa música. Que se enteren os de aquí e os de fóra. O Bravú foi e segue sendo un desafío. E, mentres queden galegos con ganas de apertar os dentes e cantar en galego, a chama seguirá acesa. Porque esta guerra, amigos, empezámola nós.

Comparte éste artículo
No hay comentarios